Casares, o único eurodeputado galego que apoia a Lei Europea de Restauración da Natureza: “Permitirá recuperar os nosos montes e rías danadas”

July 13, 2023

“Investir na restauración da natureza é investir no futuro e deter a perda de biodiversidade”

O PP e Vox votan en contra da iniciativa e o BNG auséntase deliberadamente do voto

Este mércores votábase a Lei de Restauración da Natureza no Parlamento Europeo e Nicolás González Casares foi o único eurodeputado galego que apoiou a iniciativa. A lei, da que foi relator o socialista César Luena e enmarcada dentro do Pacto Verde Europeo, busca restaurar as zonas degradadas e promover a biodiversidade en toda a Unión Europea. “Investir na restauración da natureza é investir no futuro e deter a perda de biodiversidade”, apunta Casares.

A lei impulsa a restauración de chans e áreas marítimas en mal estado, o que permitirá mellorar os servizos ecosistémicos, limitar a perda da biodiversidade e promover a produción sostible. Así, desméntese a falacia de que esta iniciativa afectará negativamente á produción de alimentos ou ás posibilidades pesqueiras, ao contrario, as emendas aprobadas garanten estas oportunidades á vez que se mellora a capacidade produtiva.

Cunha votación moi axustada, na que o PP e Vox votaron en contra e o BNG ausentouse deliberadamente do voto, a lei, que permitirá recuperar os montes afectados polos incendios ou as zonas das rías galegas contaminadas, saíu adiante grazas ao traballo dos socialistas. “Con esta votación envíase unha mensaxe clara aos negacionistas e aos seus aliados, algúns inesperados, de que no Parlamento Europeo hai espazo para a natureza e as ambicións das novas xeracións, e non para aqueles que pretenden seguir prexudicando a nosa contorna natural. Alégrame que sexa un socialista español, o meu compañeiro César Luena, quen liderase a posición do Parlamento contra as ideas reaccionarias das dereitas negacionista”, afirma González Casares.

Esta iniciativa brindará protección aos polinizadores e a outros elementos chave para a biodiversidade, os cales experimentaron un declive preocupante nas últimas décadas. Ademais, implantaranse iniciativas para mellorar a saúde dos bosques europeos.

Como indica González Casares, a Lei de Restauración da Natureza garante o compromiso de Europa de manterse no marco dos acordos sobre Biodiversidade. “A protección da biodiversidade é crucial para lograr avances significativos na loita contra o cambio climático“, engade.

Respecto ao impacto económico, o eurodeputado explica como o investimento na restauración da natureza é unha medida eficiente, posto que os ecosistemas saudables funcionan como unha “hucha” para as futuras xeracións e representan unha fonte de ingresos por si mesmos.

Artículos relacionados