“A reforma do mercado eléctrico debe reverter os altos prezos da enerxía”

Marzo 9, 2023

O eurodeputado Nicolás González Casares convoca en Bruxelas a expertos no sector eléctrico para debater sobre a reforma.

En vésperas de que cristalice a reforma do sector eléctrico europeo, cómpre construír espazos nos que compartir e achegar posturas antes de que a Comisión Europea publique a súa proposta completa. Con este obxectivo, o eurodeputado Nicolás González Casares organizou un debate en Bruxelas no que sentar a personalidades de diverso perfil, desde a academia, a investigación especializada, o sector ou a industria eléctrica ata a Comisión. Albert Riera, asesor do Ministerio para a Transición Ecolóxica español; Georg Zachmann, investigador principal de Bruegel; Michael Villa, director executivo de smartEN; Kristian Ruby, secretario xeral de Eurelectric; Natalia Fabra, profesora do Departamento de Economía da Universidade Carlos III; e Catharina Sikow-Magny, directora de Transición verde e Integración de sistemas enerxéticos na Dirección Xeral de Enerxía da Comisión, debullaron os factores a valorar de cara ao deseño do novo mercado eléctrico europeo.

Como relator socialista da Revisión da Directiva de Renovables, Casares destacou o papel da electricidade como “un dos sectores máis accesibles para descarbonizar e integrar as renovables”, co que debe ser competitiva. “Debemos traballar por un deseño de mercado a proba de futuro: para resolver por defecto as situacións expostas por esta crise enerxética, acelerar o despregamento de enerxías renovables e mellorar a nosa competitividade e seguridade enerxética”, expón. Para o parlamentario, a reforma debe “dar solucións para que non se repitan os altos prezos vividos” e para desacoplar os prezos dos fósiles do prezo final dos recibos dos consumidores e se beneficien das vantaxes das renovables, máis alá da descarbonización. Neste sentido González Casares sinalou que “o que coñecemos da proposta da reforma non é suficientemente profunda, non ten ambición e non vai poñer os mecanismos necesarios se se volve producir unha crise de prezos nos fósiles que poida contaminar os prezos da electricidade”.

A adopción de medidas que axudan á estabilidade dos prezos da enerxía, como son os PPA (acordos de compra bilateral de electricidade renovable) e os CFDs (contratos por diferencia de enerxía renovable), son insuficientes para mellorar a competitividade das empresas. “Precísanse mecanismos de capacidade para cando as renovables non poidan producir o suficiente, así como un mercado que recoñeza a necesidade de investir en almacenamento de electricidade”, engade Casares.

Para o eurodeputado a autonomía enerxética é fundamental e, por iso, congratulouse de que a Comisión contemple a posibilidade de que os veciños poidan auto producir e compartir electricidade. Unha medida que vai un paso máis alá das comunidades enerxéticas, pois contemplar “o dereito a compartir enerxía no articulado da proposta” vai supoñer un cambio de calado na descentralización do sistema eléctrico.

Artículos relacionados