Incide na necesidade de basear as decisións de política pesqueira en análises rigorosas sobre os impactos sociais, económicos e ambientais
Alerta da situación das rías e reclaman “investigar con rigor” as causas da perda de produtividade
Agradece a visita do comisario a Galicia e o interese amosado por coñecer “de primeira man” a realidade dun “sector estratéxico”
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, reclamoulle esta mañá ao comisario europeo de Pesca, Costas Kadis, que a Comisión Europea priorice unha solución urxente para a situación que atravesa o sector do palangre trala decisión do Executivo comunitario de pechar 87 zonas de pesca nas que operaba esta frota e que puxo ao límite a viabilidade futura da mesma.
Así o sinalou González Casares durante a visita a Galicia do comisario europeo, a quen lle agradeceu a súa presenza na primeira rexión pesqueira de Europa. “Constitúe unha boa oportunidade para coñecer de primeira man a realidade dun sector estratéxico para Galicia e para a UE, para a cohesión social e territorial e para a soberanía alimentaria”, destacou.
O eurodeputado galego fixo fincapé en que a Comisión Europea debe basear as súas decisións no mellor coñecemento científico e en análises rigorosas sobre o impacto socioeconómico das mesmas. “Urxe buscar o equilibrio entre os tres piares da sostibilidade: o social, o económico e o ambiental. Non pode haber transición xusta sen ter en conta ás persoas e ao territorio”, aseverou.

Durante a xornada, que incluíu unha visita á lonxa de Vigo, un percorrido en barco pola ría con parada en diversas bateas e varias reunións con representantes do sector, o eurodeputado do PSdeG tamén reclamou “máis axudas específicas para a transición enerxética no marco da Política Pesqueira Común”.
Asemade, González Casares trasladoulle ao comisario a súa preocupación pola situación ambiental das rías galegas, alertando da perda continuada da súa produtividade. “Cómpre investigar con rigor as causas deste descenso e actuar con determinación para atallalo”, afirmou. Nese sentido, defendeu a Lei de Restauración da Natureza como unha ferramenta útil para a recuperación de ecosistemas danados como os das rías: “Non se pode falar de sostibilidade nin de prosperidade económica sen rías vivas”, concluíu.

