González Casares: “Trump e as dereitas provocaron a crise dos prezos da enerxía”

O eurodeputado reclama máis renovables e un imposto aos beneficios extraordinarios da industria fósil fronte ao encarecemento da enerxía

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares sinalou no Pleno que a actual crise dos prezos da enerxía foi provocada pola “guerra ilegal de Trump en Irán”, que disparou os prezos da gasolina, o diésel e a electricidade. “Isto custoulles xa aos europeos 100.000 euros, mentres unhas poucas compañías se forran”, lembrou. Ademais, acusou á dereita e á extrema dereita de non querer falar destas cuestións e de opoñerse a “calquera medida que alivie a carga á cidadanía, como vimos en España, onde apoian os desafiuzamentos e os fondos voitre”, afirmou.

Na súa intervención, González Casares defendeu “un obxectivo ambicioso e vinculante de renovables para 2040, acompañado de obxectivos de eficiencia enerxética e electrificación, que dean certeza aos investidores en tecnoloxías verdes”. Ademais, formulou solucións a longo prazo, como a “enerxía limpa, autóctona e soberana”. A curto prazo, apostou por establecer un imposto aos beneficios extraordinarios da industria fósil.

González Casares, que é membro da Comisión de Industria e Enerxía, apuntou que as renovables son a opción máis limpa, barata e rápida, e sinalou que o criterio principal debe ser a eficiencia en custos, que dea “prioridade a tecnoloxías alcanzables que poidamos despregar xa, para facer fronte á crise e abaratar a enerxía nun futuro próximo”.