Nicolás González Casares insta á Comisión Europea a tomar medidas para frenar o uso de cigarros electrónicos e vapeadores

Decembro 7, 2019

O eurodeputado recorda que a OMS cualifica estes produtos de “indubidablemente nocivos”

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares dirixiu unha pregunta escrita á Comisión Europea na que insta a tomar medidas para frear o consumo de cigarros electrónicos e vapeadores, que a Organización Mundial da Saúde (OMS) cualificou en repetidas ocasión de “indubidablemente nocivos”, e en lugares como a India e o Estado de Nova York anunciaron xa que os prohibirán.

González Casares argumenta que nas últimas semanas “reportáronse cinco mortes relacionadas con problemas de saúde asociados a vapeadores” e que o Centro para o Control de Enfermidades de Estados Unidos (CDC, Centre for Disease Control), “investiga más de 450 casos de enfermidades pulmonares relacionadas con eles”. Este centro “emitiu un aviso público recomendando non usar estes produtos mentres a investigación está en curso”, sinala o texto da pregunta.

O eurodeputado recorda ademais que o consumo estase a incrementar “exponencialmente” e que “entre 2011 e 2018, as taxas de uso do e-cigarro entre a xuventude aumentou do 1,5% ao 20,8% en Estados Unidos. En España, un informe do Ministerio de Sanidade acaba de revelar que a metade dos adolescentes de entre 14 e 18 anos consumiu estes cigarros: dous anos antes, só era 1 de cada 5 adolescentes”.

Por este motivo, González Casares pregunta á Comisión se considera que a lexislación europea se adapta a esta nova realidade, se pensa que é suficiente para previr o consumo destas novas modalidades, e se prevé tomar medidas “para frear estratexias que a OMS advirte que socavan os esforzos de control do tabaco”.

Ver pregunta completa AQUÍ

Artículos relacionados