“No corazón deste informe late a xustiza social como principio inspirador da loita contra o cancro”

Febreiro 15, 2022

O eurodeputado chama a reforzar a loita contra o cancro cunha estratexia “comprometida coa igualdade e a ciencia” e avoga pola xustiza social ante as desigualdades que se dan no acceso aos tratamentos contra o cancro en Europa

“Esta comisión dedicou meses a afondar no estudo do cancro e hai dous principios fundamentais: o compromiso coa igualdade e o compromiso coa ciencia“, defendía esta mañá o eurodeputado socialista Nicolás González Casares durante o debate sobre o informe “Reforzar Europa na loita contra o cancro”.

O parlamentario incitou a seguir traballando para frear o aumento de casos, que poderían incrementarse ata nun 21% “se non facemos nada”. Un labor que, ademais, ten que ter en conta as desigualdades que se producen no acceso aos tratamentos contra o cancro, rexistrándose diferenzas na supervivencia en máis do 25% entre os Estados membro.

“No corazón deste informe late a xustiza social como principio inspirador da loita contra o cancro”, dicía González Casares. Para os socialistas o reforzo desta loita pasa necesariamente pola garantía de plenos dereitos para todas as familias afectadas pola enfermidade.

“En canto ao tabaco e ao alcol, podemos cambiar partes do informe, pero o que non se cambia nunca é a ciencia que seguirá chamando á porta”, apuntaba o eurodeputado. A prevención, a detección precoz e a investigación constitúen os tres piares desde os que impulsar e apoiar a ciencia.

Consciente de que “o mellor cancro é aquel que non se ten”, incitou a reforzar os cadros de persoal sanitarios ante o impacto dunha crise sanitaria que está a provocar un forte retraso nos diagnósticos, cuantificándose en ata cen millóns as probas que se deixaron de facer ao longo destes meses marcados pola COVID-19.

“Temos que reforzar a loita contra o cancro e dar esperanza ás familias, para eles é esta loita, fagámolo xuntos”, concluíu.

Artículos relacionados