Na visita, o candidato a eurodeputado do PSdeG-PSOE puido coñecer as instalacións que recibiron o apoio do FEMP e dos Fondos de Recuperación
O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares visitou hoxe as modernas instalacións da Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) en Tui, que cumpriron un ano. Cunha capacidade para almacenar nos seus sistemas de refrixeración ata 3000 toneladas, dan servizo á flota de palangre máis importante da UE. Alí foi recibido por Juana Parada, xerente da OPP (Organización de Produtores de Pesca).
González Casares destacou que a nave “é un modelo da Economía Azul que defendemos os socialistas, unha industria que permite o procesado e almacenamento intelixente das capturas da flota para a súa posterior comercialización, todo no territorio galego e con apoio europeo”. “Unha visita a estas instalacións a pleno rendemento dan conta da intensidade do traballo que fai esta organización pesqueira”, engadiu.
O socialista defendeu que a planta, dotada da máis moderna tecnoloxía e con espazos para a formación, ten na sostibilidade un dos seus principais factores a destacar “pois é capaz de producir unha parte da súa propia enerxía ao tempo que é tremendamente eficiente cumprindo de xeito satisfactorio cos máis altos estándares de redución de emisións”. “A Comisión Europea, ás veces, insistiu en exceso na sostibilidade, pois aquí teñen unha proba de que o sector pesqueiro galego cumpre”, afirmou.
Casares asegurou que vai defender ao sector do palangre ante os retos da próxima lexislatura: “Hai moitas ameazas para o mesmo por parte de sectores que non teñen en conta o aspecto social e económico desta actividade e non asumen que a pesca galega e europea xa cumpren cos maiores estándares de respecto aos océanos de todas as que existen, polo que na nosa proposta de reforma da Política Pesqueira Común as demandas do palangre son recollidas”.
O eurodeputado lamentou que a Xunta deixara sen usar o 60% dos fondos do FEMP que lle corresponderon no anterior período, provocando a perda de moitas oportunidades que agora paga toda a pesca galega e contrapuxo que “en Orpagu si que foron capaces de sacarlle proveito ás oportunidades da UE e esta nave, un investimento de primeiro nivel que crea decenas de empregos tamén en terra, pois foron beneficiados polo FEMP en primeira instancia e despois polos Fondos Next Generation que o PP tratou de obstaculizar”.
ORPAGU
Trátase dun referente do sector palangreiro a nivel europeo e mundial radicado na Guarda. A asociación puxo en marcha as súas instalación máis importantes en terra na localidade de Tui por cuestións loxísticas. Conta cunha planta frigorífica no parque empresarial de Areas (Tui), cunha capacidade de almacenamento de 3.000 TN, distribuídas en dúas cámaras (unha delas con estantes automáticos para mercadoría paletizada), unha sala de I+D e unha pequena sala de procesado.
Na nave investíronse máis de 8 millóns de euros, con 7,2 millóns de axudas públicas entre fondos europeos e nacionais (5,4 y 1,8 millóns de euros, respectivamente) e foi inaugurada polo ministro Luis Planas en novembro de 2022.