Hai un ano, iniciábanse os traballos da Conferencia Sobre o Futuro de Europa, un marco para que a cidadanía europea debuxara un futuro compartido desexado. Un ano despois, ese traballo deu os seus froitos en forma de 300 recomendacións que marcan o camiño a seguir para dar novos azos ao proxecto de construción europea: máis igualdade, máis sustentabilidade. Ante a conmemoración do día 9 de Maio do Día de Europa, os e as socialistas de Galicia manifestamos o noso apoio a estas recomendacións e o noso compromiso para facer realidade unha Europa máis igual, máis xusta e máis solidaria.
Esta Conferencia é a mostra do compromiso inequívoco da cidadanía europea co futuro do proxecto común e da necesidade de reforzar a implicación cidadá nos asuntos públicos. Cando a política institucional e as preocupacións da cidadanía latexan ao ritmo das súas prioridades, o proxecto europeo refórzase, Europa cobra altura.
Nun momento en que reverdecen as pulsións nacionalistas e autoritarias, antagónicas dos principios fundacionais recollidos no Tratado de Roma, no que as pantasmas bélicas do pasado volven asolar o territorio europeo a causa da agresión militar rusa á Ucraína, coa perda de vidas de inocentes e millóns de desprazados, urxe dar un novo pulo a un proxecto europeo de futuro que garanta o progreso económico e social dos territorios e pobos que integran Europa.
Esa é a Europa que os e as socialistas de Galicia ambicionamos: unha Europa, que corrixa as desigualdades, unha Europa que non deixe a ninguén abandonado á súa sorte nas dúas grandes transicións que enfrontamos, a ecolóxica e a dixital, unha Europa que garanta a seguridade e o benestar dos seus cidadáns nun contexto no que reverdecen as tensións xeoestratéxicas.
Nun contexto de incertezas, máis que nunca, Europa é a resposta.
Europa foi a resposta ante a pandemia provocada polo coronavirus COVID-19. Ante o embate do virus, a resposta europea, liderada polo Goberno Socialista de España, adoptou un camiño diametralmente oposto ao da austeridade suicida percorrido na crise de 2008, apostando pola maior mobilización orzamentaria da súa historia a través do novo marco financeiro plurianual 2021- 2027 e os fondos Next Generation EU. Onde antes houbo austeridade, agora hai solidariedade.
Unha resposta que permitiu impulsar un programa común de vacinación que garantiu un acceso e reparto equitativo do conxunto dos Estados membros ás vacinas. Unha resposta que achegou fondos adicionais que permitiron reforzar a resposta dos servizos sanitarios galegos durante a pandemia, a través do programa REACT. Unha resposta que, a través da captación de fondos Next Generation, debe permitir a Galicia desenvolver estratexias de crecemento e converxencia para afrontar o cambio de modelo produtivo, tan necesario tras anos de parálise dos Gobernos do Partido Popular.
Europa tamén está a ser a resposta ante a agresión da Rusia de Putin. Dunha banda, mediante o apoio ao pobo ucraíno a través da adopción de sancións económicas inimaxinables hai tan só uns meses e o illamento internacional ruso, pero tamén da axuda armamentística para facer fronte á agresión.
Doutra banda, mediante a adopción de medidas para facer fronte ás consecuencias económicas da guerra, nomeadamente nos sectores da agricultura e da pesca, pero con atención especial no ámbito enerxético onde, unha vez máis, o Goberno Socialista de España marca o paso de Europa a través da excepción ibérica que permitirá abaratar a factura eléctrica mediante a limitación dos prezos do gas mentres camiñamos cara un modelo sustentado en enerxías renovables.
O cambio impulsado polos socialistas na resposta europea a estas crises é a mostra de que outra Europa é posible:
- a Europa da Saúde, que, aprendendo as leccións da pandemia, dea un paso ao fronte para garantir o acceso de toda a cidadanía europea a unha atención sanitaria de calidade
- a Europa social, mediante o desenvolvemento do Piar Social que garante un salario mínimo europeo, acceso á vivenda, o reforzo das garantías infantil e xuvenil e o progreso social poñendo en pé de igualdade os obxectivos de emprego e igualdade
- a Europa Sustentable, que partindo do Pacto Verde europeo, aproveite o maior investimento da súa historia para reforzar o seu tecido produtivo e reorientalo cara a un modelo de sociedade máis sustentable, capaz de garantir o modelo de benestar europeo desde o respecto aos límites do planeta
O PSdeG-PSOE, como o partido de maior convicción europeísta do arco político galego, seguirá a exercer como o principal interlocutor político de Galicia nas institucións europeas e traballará activamente nas mesmas para construír a Europa que o conxunto das galegas e dos galegos ambicionamos.