Casares avoga por “levar ao debate público” a saúde mental e impulsar a súa abordaxe desde a UE no ciclo ‘El Futuro está en tus manos’

Maio 27, 2022

O eurodeputado participa xunto a Carme Borrell e Manolis Kogevinas no foro organizado por Europa Press e o Parlamento Europeo en Barcelona

Baixo o título ‘Hacia una UE más sana’, clausurábase esta mañá en Barcelona o ciclo ‘El Futuro está en tus manos’, organizado por Europa Press en colaboración co Parlamento Europeo a propósito da Conferencia sobre el Futuro de Europa (CoFoE). Nicolás González Casares, eurodeputado socialista e enfermeiro de profesión, Carme Borrell, doutora en Saúde Pública e xerenta da Agencia de Salud Pública de Barcelona, e Manolis Kogevinas, investigador sénior de ISGlobal, debateron sobre o futuro da saúde na Unión Europea. Coa moderación de Jordi Fernández, delegado de Europa Press en Cataluña, abordouse a estratexia One Health, a saúde mental ou a dixitalización dos sistemas de saúde.

Nicolás González, que é poñente do Grupo Socialista no Comité Especial do Cancro e membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo e participou activamente na reforma da Axencia Europea do Medicamento (EMA), lembrou como o impacto da COVID-19 puxo á saúde no foco das políticas europeas. Esta situación obrigou a reforzar organismos chave que ata o momento non contaban coa dimensión necesaria como o Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC). Respecto á posta en marcha da Autoridade Europea de Preparación e Resposta ante Emerxencias Sanitarias (HERA), Casares mostrouse crítico coa súa constitución sen base xurídica e destacou a importancia de velar pola transparencia neste ámbito.

O eurodeputado puxo en valor o liderado da UE “na aplicación de normas e estándares” para atender o cambio climático e os problemas ambientais. Neste sentido, defendeu a implantación da estratexia One Health, que impulsa a colaboración no coidado da saúde das persoas, os animais e o medio ambiente para mellorar a saúde pública, nas políticas europeas e animou aos Estados membros a “seguir o mesmo camiño”. Respecto á atención dos animais, avogou por revisar as políticas agrarias e alimentarias.

A saúde mental foi outro dos temas que se abordaron no foro e o cal urxe, en palabras de Nicolás González, “levar ao debate público”. “A desigualdade cébase sobre todo coa saúde mental. É o momento de dar un empuxón á estratexia de saúde mental, debemos actuar desde o campo da prevención e a regulación”, apuntaba ante unha problemática que afectou, especialmente, durante a pandemia aos máis novos. Aplaudiu a recente posta en marcha do teléfono de atención á conduta suicida en España, aínda que recoñeceu que debería terse activado hai anos. Sobre a atención á desigualdade tamén se referiu ao explicar as diversas medidas que se impulsan desde a UE para mellorar a calidade o aire, a climatización das vivendas ou a electrificación dos coches e chamou a “empuxar aos sectores que máis o necesitan” cara a elas mediante a adhesión aos fondos Next Generation, por exemplo.

Ante a presentación da proposta do Espazo Europeo de Datos Sanitarios (EEDS) este mes de maio por parte da Comisión Europea, os relatores debateron sobre os pros e contras da dixitalización dos datos dos pacientes e da súa atención sanitaria. Para o eurodeputado socialista, o EEDS permite crear “un grande ecosistema europeo no campo da investigación e a innovación da saúde” ao facilitar non só a atención sanitaria en toda a UE, senón tamén que os datos que se compartan posibiliten aumentar os coñecementos sobre determinadas enfermidades e tratamentos. Cre que esta dixitalización será beneficiosa sempre e cando non se aparte á cidadanía do control da súa atención sanitaria.

Sobre o relevante que é a información para a saúde, Casares tamén reivindicou unha información “transparente, fiable e baseada en evidencias científicas” para que a cidadanía poida seguir uns hábitos saudables.

Na clausura do encontro, Sergi Barrera, o xefe da Oficina do Parlamento Europeo en Barcelona, quixo subliñar “a resposta unitaria” da UE ante a crise da COVID-19 ou a guerra en Ucraína. “A Unión Europea é un proxecto que avanza a golpe de crise”, afirmou.

Artículos relacionados