Nicolás González: “Ante o avance da transición ecolóxica en Europa, Galicia non pode perder o paso”

Xuño 9, 2022

O eurodeputado chama a descarbonizar o transporte aéreo e marítimo e a electrificar a estrada

O Parlamento Europeo vén de aprobar a proposta lexislativa para que no ano 2035 se deixen de vender coches con motores de combustión. Unha medida que Nicolás González Casares, eurodeputado socialista e membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, considera “un paso adiante na loita contra o cambio climático” aínda que avisa dos desafíos industriais que representa e os posibles problemas que se poden dar no emprego deste sector, polo que anima a convertese en “punteiros no coche eléctrico e conectado”.

“A descarbonización da nosa industria e do noso transporte será un elemento de competitividade no futuro e non podemos seguir dubidando en que o futuro da mobilidade será eléctrico”, asegura o eurodeputado. Nesta liña, entende que os novos combustibles como o hidróxeno e derivados hai que destinalos a descarbonizar o transporte aéreo e marítimo, polo que “para a estrada a electrificación é a resposta”. Respecto á proposta de proposta de usar biocombustibles e fueis sintéticos que aínda non existen para 2035, ve nela “un xeito de introducir inseguridade”.

“Ante o avance da transición ecolóxica en Europa, Galicia non pode perder o paso”, engade González Casares e sinala aos fondos Next Generation como a “oportunidade de poñerse na cabeza nestas industrias”.

A proposta dun mecanismo de axuste de carbono en fronteira que trata de equilibrar o campo de xogo entre as industrias europeas que pagan CO2 e as foráneas que non están sometidas a este gravame quedou pendente de votación. O europarlamentario valórao como “un bo mecanismo para a protección dunha industria galega que transita pola descarbonización e que como ALCOA na Mariña ve nas renovables unha oportunidade para reducir os seus custes e poder fabricar aluminio primario verde e competitivo. Este axuste de fronteira vai facilitar a produción baixo estándares máis verdes que os europeo dentro da propia UE”.

Tamén quedou á espera de someterse a votación, a proposta que introduce unha taxa no sector do transporte e a edificación, o chamado ETS2 (o novo Réxime do Comercio de Emisións) que busca impulsar a redución de emisións neses ámbitos.

Artículos relacionados

COP27: Non deixes para mañá…

COP27: Non deixes para mañá…

Rematou a COP27 na turística Sharm el Sheikj en Exipto e é hora de facer balance dunha COP que só pasará á historia...