González Casares e Luena piden á Comisión medidas para frear a maior epidemia de gripe aviaria rexistrada en Europa

Agosto 24, 2022

En total detectáronse 2.398 brotes en aves de curral domésticas, 168 brotes en cativas, e 2.733 en silvestres en 36 países europeos

Os eurodeputados socialistas Nicolás González Casares e César Luena reclamaron á Comisión Europea medidas específicas para frear a epidemia de gripe aviaria altamente patóxena (IAAP).

Nunha pregunta escrita ao executivo comunitario, os eurodeputados, membros da Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria, sinalan que a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) cualificou a tempada epidémica 2021-22 como “a maior xamais rexistrada en Europa”. En total detectáronse 2.398 brotes en aves de curral domésticas, 168 brotes en cativas, e 2.733 en silvestres en 36 países europeos, segundo a EFSA.

O texto indica ademais que “os ornitólogos sobre o terreo reportan reducións dramáticas en avistamentos de aves silvestres como mastacos ou págaos e temen o impacto que podería producirse co inicio da tempada de migración de aves acuáticas cara a Europa en termos de mortalidade de aves, contaxio a aves de curral e salto a humanos”.

Por iso, reclaman “medidas específicas para frear a expansión”, sistemas de vixilancia e reforzo dos sistemas de alerta temperá para evitar contaxios en aves de curral. Ademais, preguntan se a Comisión prevé “realizar recomendacións específicas ás autoridades competentes sobre protocolos de recollida de aves silvestres para garantir a protección do persoal que realiza estas tarefas”.

Artículos relacionados