Unha delegación do Parlamento Europeo visita Galicia e Asturias para analizar os desafíos da transición enerxética na industria do norte de España

Setembro 16, 2022

Unha delegación da comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, presidida polo eurodeputado Jens GEIER (S&D, Alemaña), visitará varios proxectos e industrias para coñecer como se están adaptando á transición enerxética e á actual situación no sector

Durante a visita, reuniranse con representantes políticos, empresarios e técnicos das diferentes compañías

NOTICIA PUBLICADA O 16 DE SETEMBRO NA WEB DO PARLAMENTO EUROPEO

Unha delegación da comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo viaxará a España do 19 ao 21 de setembro para comprobar os desafíos aos que se enfronta a industria respecto a a transición enerxética, con exemplos concretos en Galicia e Asturias.

O obxectivo da visita é analizar os retos industriais nun escenario de transición enerxética e de elevados prezos da enerxía, así como comprobar ata que punto as enerxías renovables son un elemento fundamental para impulsar a industria, o crecemento económico e á poboación.

Esta delegación estará presidida polo eurodeputado Jens GEIER (S&D, Alemaña) e integrada polos eurodeputados Marion WALSMANN (PPE, Alemaña), Henna VIRKKUNEN (PPE, Finlandia), Niels FUGLSANG (S&D, Dinamarca), Izaskun BILBAO (RE, España) e Susana SOLÍS (RE, España).

Acompañaranos tamén os eurodeputados españois PILAR DEL CASTILLO (PPE), Francisco José MILLÁN MON (PPE) e Nicolás GONZÁLEZ CASARES (S&D).

Programa

A visita comezará o 19 de setembro na Coruña cunha reunión co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, a secretaria xeral de Industria da Xunta, Paula Uría, e Inés Rey, alcaldesa da Coruña. Ao finalizar a reunión, o xefe da delegación do PE fará declaracións á prensa (15:45 horas, Hotel Meliá Maria Pita, Av. de Pedro Barrié de la Maza, 3, A Coruña).

Posteriormente, a delegación desprazarase ata Ferrol para visitar, primeiro, o Porto Exterior, no que ademais de reunirse cos representantes da autoridade portuaria, manterán unha reunión con representantes de compañías que apostan pola transición enerxética, entre as que están Nervión Industries, Reganosa, Ence, Sentury Tire e Showa Denko.

A continuación, visitarán o estaleiro Navantia-Fene onde inspeccionarán a construción de ‘jackets’ xunto ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Finalmente, desprazaranse ata a empresa de gas natural licuado (GNL) Reganosa, en Mugardos, onde se reunirán co director xeral da compañía, Emilio Bruquetas, e realizarán un circuíto ao redor da planta con explicacións sobre o seu funcionamento e os seus procesos.

O martes 20, os eurodeputados trasladaranse ata As Pontes para visitar a Central Térmica ENDESA – ENEL na localidade, acompañados polo alcalde do municipio, Valentín González Formoso. Ademais de facer un percorrido polas instalacións, os eurodeputados coñecerán de primeira man as apostas da empresa por alcanzar os obxectivos de emisións, adecuarse ao Obxectivo 55 da UE para a neutralidade climática e os futuros plans para a planta na localidade.

Pola tarde, desprazaranse ata San Cibrao para visitar o complexo industrial de Alcoa e reunirse co comité de empresa e a dirección da compañía. Antes de comezar a visita, o xefe da delegación do PE fará declaracións á prensa (15:50 horas, Alcoa. San Ciprián, Cervo, Lugo). Ao terminar a visita, a delegación trasladarase a Avilés (Asturias).

Por último, o día 21 pola mañá o xefe da delegación atenderá á prensa no Hotel Palacio de Avilés (08:45 horas, Praza de España, 9, Avilés, Asturias). A misión da delegación culminará cunha visita á planta de produción de aceiro de Arcelor Mittal, na que se lles explicará o programa de descarbonización da empresa e poderán ver os seus traballos.

Artículos relacionados