Biodiversidade: Montreal queda lonxe de Galicia

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Praza Pública O 11 DE XANEIRO. AQUÍ PODES LELO

Hai unhas semanas finalizaba en Montreal (Canadá) con acordo a COP15, a Conferencia das Partes sobre Biodiversidade. Son moitos os expertos que afirman que a dimensión deste acordo para a conservación da biodiversidade no planeta pode ser comparable ao Acordo de París no referente ao clima. O tempo dirá se é así ou non, pero o certo é que se produciron grandes avances.

A parte nuclear do acordo consiste en fixar uns obxectivos de protección do 30% das terras e océanos para 2030, un salto importante en relación aos actuais obxectivos de protección do 17% e o 10% das zonas terrestres e mariñas do mundo, respectivamente. Pero marcar zonas protexidas non é suficiente, polo que a restauración ocupa tamén un lugar destacado no acordo. Así para 2030 tense que completar ou iniciar a restauración de polo menos o 30% dos ecosistemas terrestres, mariños, costeiros e de augas continentais degradados.

Galicia apenas ten cuberta como Rede Natura un 12% do seu territorio fronte ao 27% de España © Xunta de Galicia

Polo tanto avanzamos nunha nova onda de protección da natureza á que se comprometeron 188 países, pero para Galicia este acordo de Montreal para 2030 queda moi lonxe tristemente. Galicia apenas ten cuberta como Rede Natura un 12% do seu territorio fronte ao 27% de España. É, ademais, a comunidade autónoma española con menor superficie protexida tras Melilla, e a que menos aumentou a súa Rede Natura desde 2004. Pero se ademais observamos os datos de protección de superficie forestal, Galicia é a comunidade con menos superficie forestal protexida. Só está cuberta nun 15%, 26 puntos por baixo da media española. Isto dá unha idea da desprotección do monte galego, o cal eleva o risco de incendios, non só en espazos de alto nivel ecolóxico, se non tamén naquelas zonas que lindan coa Rede Natura.

Deste xeito dirixímonos cara 2030, sen cumprir os deberes previos fixados pola lexislación europea. Galicia ten aberto un expediente de infracción pois a Xunta obviou as súas obrigacións xa que non só a superficie é insuficiente, ademais a súa xestión é moi deficiente como lembraba recentemente a Comisión Europea ao referirse ao Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia: “As medidas de conservación recollidas no Plan son demasiadas vagas e indeterminadas e non ofrecen suficiente claridade na súa aplicación” polo que ese Plan Director mencionado non pode considerarse “unha ferramenta suficiente na que se determinen todas as medidas de conservación necesarias” para os 55 lugares de especial protección e as 16 zonas de especial protección para aves que existen.

A protección da natureza e da súa Biodiversidade é un elemento fundamental tamén para a protección da saúde humana como nos lembran cada día os expertos. Galicia ten un medio natural moi valioso que o Goberno autonómico, con competencias propias, parece non querer protexer nin ordenar, situando así moitos dos nosos valores naturais en risco, pero tamén deixando na indefinición a boa parte do territorio, pois sen xestión a Rede Natura convértese nunha carga para os que viven nela.

Galicia ten a obrigación legal de ampliar os seus espazos protexidos. Galicia terá ademais a obrigación de restaurar as súas zonas naturais degradadas. Non cumpre nin co primeiro e sen priorizalo dificilmente cumprirá co segundo asumindo así riscos para o noso patrimonio natural, para a planificación de actividades empresariais e agrogandeiras, para o noso desenvolvemento sostible e para a nosa saúde. Fagamos cumprir as leis de conservación da natureza aos que nos gobernan e acheguemos Montreal a Galicia.

Imaxe do espazo protexido de Pena Maseira, Rede Natura 2000 © Xunta de Galicia

Artículos relacionados