O eurodeputado Nicolás González esixe á Comisión Europea que aclare xa o marco legal do hidróxeno renovable

Febreiro 3, 2023

O Green Deal Industrial Plan anuncia unha poxa, cun orzamento de 800 millóns de euros, para apoiar a produción de hidróxeno verde

Este mércores a Comisión Europea presentaba o Green Deal Industrial Plan, deseñado para mellorar a competitividade da industria europea e acelerar a transición cara a neutralidade climática. Aínda que o apoio ao hidróxeno renovable, clave para descarbonizar o sector do gas e facilitar a integración de fontes de enerxía renovable no sector eléctrico, aparece recollido como unha das medidas deste plan, o seu marco legal aínda está no aire.

Ante a proposta do Green Deal industrial Plan de lanzar unha poxa este outono, cun orzamento de 800 millóns de euros, para impulsar a produción de hidróxeno renovable, o eurodeputado Nicolás González Casares, relator socialista da Revisión da Directiva de Renovables, esixe á Comisión Europea que defina xa a normativa que rexerá ao hidróxeno verde. “Pretenden facer unha poxa de algo que a día de hoxe non está definido, hai miles de millóns de euros pendentes de investimento e a Comisión vai tarde”, incide.

González Casares urxe a presentación do acto delegado que debe definir parte dos requisitos dos “carburantes líquidos e gaseosos renovables de orixe non biolóxica”, nos que se pode enmarcar o hidróxeno renovable, que leva máis de ano de atraso e está a dilatar as negociacións da Directiva de Renovables; cuxo papel é crucial para acabar coa dependencia de Europa dos combustibles fósiles rusos. E é que, tal e como indica o eurodeputado, “os inversores necesitan urxentemente coñecer os requisitos definitivos para que o hidróxeno sexa certificado como renovable”.

Segundo a Directiva (UE) 2018/2001, este acto delegado debería adoptarse antes do 31 de decembro de 2021, con todo, tras unha consulta pública e sucesivos borradores, a Comisión aínda non presentou a súa proposta final.

Nicolás González preguntou, ademais, á Comisión Europea polo volume de hidróxeno renovable que esperan cubrir coa anunciada poxa e se contabilizaron o impacto económico e incerteza investidora que o atraso na publicación do devandito acto delegado está a provocar. Lembremos, que o Plan REPowerEU establece un obxectivo de 10 millóns de toneladas (Mton) de hidróxeno renovable producidos na UE (e 10 Mton importados) para 2030.

Green Deal Industrial Plan

O obxectivo do plan é ampliar a capacidade de fabricación da UE de tecnoloxías limpas para cumprir cos obxectivos climáticos de Europa. Apóiase en catro piares: fomento dunha contorna regulatoria predicible e simplificada, impulso do acceso ao financiamento, mellora das habilidades e apertura do comercio a cadeas de subministración resilientes.

Artículos relacionados