González Casares debate coa comisaria europea de Enerxía, Kadri Simson, sobre o desafío das renovables

Outubro 10, 2023

O eurodeputado español insiste na necesidade de garantir “a transparencia no desenvolvemento das enerxías renovables”

Baixo o título Enfrontar o desafío das enerxías renovables en Europa, o eurodeputado Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía e relatora socialista para a reforma do mercado eléctrico da Unión Europea, sentouse a debater coa comisaria europea de Enerxía, Kadri Simson; o director executivo de WindEurope, Giles Dickson; e a directora executiva de SolarPower Europe, Walburga Hemetsberger, nun encontro organizado por POLITICO Europe.

No marco dos esforzos da UE por impulsar as enerxías renovables para transitar cara a unha economía máis sostible e alcanzar un 42,5 % de enerxía verde en 2030, os relatores abordaron cuestións chave como: a reforma do mercado eléctrico europeo, a adecuación da rede para a transformación da enerxía limpa, o apoio ao desenvolvemento das renovables ou o impulso das tecnoloxías verdes nos Estados membro.

Durante a súa intervención, González Casares insistiu na necesidade de garantir “a transparencia no desenvolvemento das enerxías renovables” e sinalou a oportunidade que representa o sector para a creación de postos de traballo na UE. O socialista mantén a súa aposta por un mercado eléctrico que protexa aos consumidores e no que a cidadanía poida participar activamente. Así, remarcou a importancia da participación pública no proceso de planificación e de que as oportunidades industriais das renovables se liguen aos territorios onde estas se desenvolven.

O parlamentario defendeu a implementación de esquemas directos de sostemento de prezos para fomentar novos investimentos na xeración de electricidade verde a través dos Contratos por Diferenzas (CfD), un mecanismo pensado para estabilizar os prezos para os consumidores e promover os investimentos. A súa proposta é manter o requisito de empregar os CfD bidireccionais para apoiar novos investimentos, co propósito de evitar beneficios excesivos e redirixir calquera excedente de ingresos cara aos consumidores en situación de vulnerabilidade e o financiamento da transición enerxética. Respecto ao fomento da enerxía solar, insistiu en “darlle ferramentas e apoio suficiente á industria” para aumentar a produción de paneis solares en Europa e reducir a dependencia de China e referiuse ao transporte como un actor necesario na aceleración da demanda de renovables.

Artículos relacionados