González Casares salienta que o eixe ferroviario de mercadorías Santiago-Vigo-Ourense estará na rede básica europea

Decembro 20, 2023

O acordo en trílogos producido onte á noite sobre as redes de transporte transeuropeas mantiña algunhas das aspiracións de interese galego a pesar da perspectiva restritiva da Comisión Europea

Dende o grupo socialista destacan ter conseguido unha cláusula que permitirá aos portos de interese estratéxico optar á rede básica

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares manifestou que o acordo acadado a pasada madrugada sobre as redes transeuropeas de transporte (regulamento TEN-T) deixa novas positivas para Galicia, a fundamental “que o Corredor Atlántico de mercadorías no seu traxecto galego estará na rede básica.”

Así destacou que se corrixe o erro da Comisión Europea que deixaba fóra a liña de ferrocarril de mercadorías Santiago-Vigo-Ourense. “Corríxese o erro cometido pola Comisión Europea e retorna á rede básica, como solicitaba o Parlamento. Ese era un elemento en risco e corrixiuse, era fundamental” afirma González Casares.

A liña de mercadorías Ferrol-A Coruña permanece na rede global. O Parlamento solicitara a súa inclusión na rede básica, pero non cumpre o criterio de que ambas cidades estean incluídas na rede básica, xa que só A Coruña o está, algo que fixo notar a Comisión Europea durante as negociacións. Por outra banda, a liña de mercadorías Ferrol-Lugo-Monforte permanece na rede global. En todo caso, Monforte queda incluído na rede básica xa que forma parte da saída á Meseta da liña Santiago-Vigo-Ourense.

A liña de pasaxeiros de alta velocidade Santiago-Ourense-Meseta mantense na rede básica, aínda que xa case concluída na súa totalidade a súa inclusión permite que se poida incluír como receptora de fondos da UE para a súa conclusión total.

Finalmente, a liña de pasaxeiros de alta velocidade Vigo-Oporto inclúese na rede básica estendida (de nova creación, para conclusión en 2040 como máximo). A súa inclusión na rede básica levaba o compromiso de finalizala antes de 2030 e a Comisaria de Transportes opúxose a esta posibilidade por non considerala realista.

González Casares destacou que o acordo inclúe que os trens de pasaxeiros que circulen pola rede básica o fagan a unha velocidade mínima de 160 quilómetros por hora e os de mercadorías de 100 quilómetros por hora en 2030 e que os cruces transfronteirizos se completen en menos de 25 minutos desde 2030.

En canto aos portos de Vigo, Ferrol e Pontevedra mantéñense na rede global, ao non cumprir a metodoloxía de inclusión da Comisión Europea ben por falta de volume ou ben por confrontar coa visión da Comisión Europea de que haxa un só porto por rexión na rede básica, o que xa ocorre con A Coruña. Pola súa parte, si se incluíu por primeira vez o porto de Vilagarcía na rede global como se reclamou a través das emendas socialistas durante o proceso lexislativo no Parlamento Europeo.

En canto ás infraestruturas portuarias González Casares resaltou que no acordo alcanzado mantívose unha emenda socialista que posibilita que os Estados Membros poderán decidir pasar un porto de rede global a rede básica por razóns de importancia estratéxica (o que se denomina unha cláusula opt-in). Deste xeito que portos como Vigo ou Ferrol si poderían incluírse se así o decidise o Goberno. Esta posibilidade foi acadada a pesar da resistencia á mesma da Comisión Europea durante o proceso negociador.

González Casares afirmou que “Galicia saíu mellor parada que outras rexións españolas ou similares a nivel europeo en relación ás emendas que defendía o Parlamento e afirma que a conexión do Corredor Atlántico entre Galicia e a Meseta está dentro da rede básica, algo que era de vital importancia para avanzar na realidade do mesmo.”

Artículos relacionados