Casares avoga por unha transición ecolóxica do sector pesqueiro con garantías sociais e económicas para os seus traballadores

O eurodeputado galego Nicolás González Casares participou esta semana nunha misión do Comité de Pesca do Parlamento Europeo a Thesalonika

O sector galego e grego comparten os mesmos desafíos en materia de cambio climático

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares vén de participar esta semana nunha misión do Comité de Pesca do Parlamento Europeo a Thesalonika, concretamente ao Golfo Termaico, enclave referente para o sector. Durante a visita, tivo a oportunidade de reunirse con axentes clave do sector, pescadores, armadores e autoridades locais, como o alcalde da cidade, o socialista Stelios Angeloudis. Ademais, estivo acompañado polo eurodeputado socialista da rexión, o meteorólogo Sakis Anartouglou.

Durante a misión, analizáronse os retos aos que se enfronta o sector pesqueiro grego, moitos dos cales coinciden co galego. A acuicultura, centrada en especies como a robaliza e a dourada, xoga un papel estratéxico na economía local, mentres que a produción de bivalvos, especialmente os mexillóns, ten unha forte conexión comercial con Galicia e Cataluña.

Este verán, a temperatura da auga superou os 30ºC, provocando unha mortaldade alarmante nos bivalvos e nas sementes. Esta situación, lonxe de ser un episodio illado, está a converterse nun problema recorrente, que ameaza a sostibilidade do sector. "O cambio climático está a impactar directamente na pesca e na acuicultura, tanto en Galicia como en Grecia. O sector enfróntase ao aumento das temperaturas, co seu consecuente impacto nas especies, e á necesidade urxente de adaptarse a esta nova realidade”, sinalou González Casares.

Os representantes do sector en Thesalonika, ao igual que en Galicia, reclaman un maior apoio da Unión Europea para facer fronte a estes desafíos. Entre as súas principais demandas están as axudas para a adaptación ao cambio climático e a modernización das frotas para avanzar na descarbonización.

A Política Pesqueira Común debe integrar a dimensión medioambiental sen esquecer as necesidades sociais e económicas dos traballadores do mar. Neste sentido, o eurodeputado destacou que "a transición ecolóxica do sector pesqueiro é ineludible, pero debe facerse con apoio e acompañamento para que os pescadores e mariscadores poidan adaptarse sen que a súa supervivencia económica se vexa comprometida".

Os cambios que está a sufrir o mar esixen unha resposta baseada na ciencia e na colaboración entre as partes implicadas. "Universidades, centros de investigación e profesionais do mar deben traballar conxuntamente para atopar solucións que permitan manter viva a actividade pesqueira e marisqueira", subliñou.

A misión en Thesalonika puxo de manifesto que os problemas que afectan ao sector pesqueiro son compartidos en diferentes partes de Europa, polo que a resposta tamén debe ser colectiva.