Casares advírtelle á Comisión Europea que o sector conserveiro “non pode ser moeda de cambio” nas negociacións dos acordos de libre comercio co Sudeste Asiático

O eurodeputado galego esixe salvagardas para protexer ao sector fronte á competencia desleal

“O acordo con Tailandia debe manter os aranceis no sector da conserva de atún”, reclama González Casares

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, advertiulle á Comisión Europea da “necesidade” de protexer ao sector conserveiro nas negociacións que se están a levar a cabo para pechar novos acordos de libre comercio con diferentes países do Sudeste Asiático. “O sector conserveiro non pode ser moeda de cambio: miles de empregos e o futuro de comarcas costeiras enteiras dependen dun sector clave para a soberanía alimentaria europea”.

Así se manifestou o eurodeputado galego esta mañá en Bruxelas tras unha reunión co secretario xeral de Anfaco-Cytma, Roberto Alonso, e con Odilo Romero, de Jealsa Rianxeira, que serviu para analizar, entre outros, os posibles impactos que os acordos con Indonesia, Filipinas e Tailandia —estes dous últimos, aínda en fase de negociación— poden ter para o sector conserveiro galego, español e comunitario de non mediar salvagardas axeitadas.

Neste sentido, González Casares foi especialmente claro respecto das negociacións con Bangkok: “O acordo con Tailandia debe manter os aranceis no sector da conserva de atún. Estamos falando do principal produtor mundial e dunha industria europea que non pode competir en igualdade de condicións se non existen garantías comerciais, sociais e ambientais equivalentes”, afirmou.

Na reunión, Casares informou de que xa se dirixiu ao comisario de Comercio, Maroš Šefčovič, logo de que o Executivo comunitario anunciara hai unha semana un acordo substancial con Filipinas, pero non se concretara nada en relación ao sector da conserva. Tal e como indicou, urxiu á Comisión a facer públicos “canto antes” os termos do acordo en relación cos produtos do mar e, concretamente, coas conservas de atún, e reclamou medidas de salvagarda para impedir un impacto negativo no sector europeo da conserva á vista dos efectos acumulativos dese acordo, do recentemente acadado con Indonesia e dos que se están negociando con outros países como Tailandia.

O eurodeputado galego manifestouse especialmente preocupado ante a falta de atención da Comisión Europea aos impactos que estes acordos comerciais poden ter no sector da conserva de atún, dado que Tailandia é o principal produtor mundial, Indonesia é o primeiro en capturas de atún e Filipinas tamén se atopa entre os principais países tanto en capturas como en produción de conservas.

“Resulta incoherente predicar a necesidade de reforzar a soberanía alimentaria europea e a defensa das comunidades costeiras e adoptar medidas que poñen en risco unha industria que é piar de ambas”, asegurou González Casares, quen apuntou á competencia desleal destes países dada a falta de ratificación de convenios fundamentais en materia social, uns estándares sociais, económicos e ambientais máis laxos e o emprego da pesca ilegal, non declarada e non regulamentada. “É de xustiza co sector e coas miles de familias e comarcas que del dependen”, concluíu.