Casares defende o papel crucial de Ribera na Comisión para guiar a competitividade futura da economía europea e o benestar dos seus cidadáns

O eurodeputado galego interésase polas medidas para asegurar que non se desencadeen novas crises de prezos enerxéticos

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, defendeu esta tarde o papel crucial que xogará Teresa Ribera como vicepresidenta da Comisión Europea para unha Transición Limpa, Xusta e Competitiva dado que guiará políticas clave das que depende a competitividade futura da economía europea e o benestar dos seus cidadáns.

Na súa intervención durante a audiencia no Parlamento Europeo, o eurodeputado socialista remarcou que, entre as tarefas encomendadas a Ribera pola presidenta da Comisión, Ursula Von der Leyen, atópase a de traballar por reducir os prezos da enerxía e eliminar a dependencia dos combustibles fósiles.

Por iso, e ante a volatilidade xeopolítica que está a afectar á certeza dos prezos, preguntoulle á candidata a vicepresidenta sobre o seu papel na aplicación dos mecanismos para facer fronte a posibles novas crises de prezos ou para fomentar a flexibilidade da demanda aprobadas no marco da revisión da normativa que rexe o deseño do mercado eléctrico, da que González Casares foi relator a pasada lexislatura.

Tamén lle preguntou se prevé a adopción de medidas adicionais para facer máis competitivos e transparentes os mercados eléctricos, para desacoplar os prezos do gas dos da electricidade como recomenda o informe Draghi e para facer máis atractiva a electrificación da demanda.

Na súa resposta, Teresa Ribera aludiu ás leccións aprendidas da crise enerxética desatada pola invasión rusa de Ucraína, algunhas das cales xa foron capturadas precisamente na reforma do mercado eléctrico. A este respecto, incidiu na importancia para o futuro de instrumentos como os contratos por diferenza ou os contratos de enerxía a medio e longo prazo, pero tamén na necesidade de modernizar as redes enerxéticas, garantir que as interconexións aínda pendentes a nivel europeo dean maior garantía de estabilidade e seguridade no caso de que xurdan novas crises ou estudar e explotar as solucións que poida ofrecer o almacenamento para facer un uso moito máis eficiente e intenso das redes existentes en Europa.