Incide na necesidade de mellorar o tratamento da flota pesqueira artesanal e un mellor acceso ao financiamento comunitario
Remarca a necesidade de favorecer a renovación e modernización de buques e novas motorizacións sustentables
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, reclamoulle esta tarde ao comisario designado de Pesca, Costas Kadis, recoñecemento para os esforzos realizados polo sector pesqueiro, “o máis sostible do mundo”, e investimentos para garantir o seu futuro.
Durante a súa intervención no Parlamento Europeo na audiencia do candidato a comisario, González Casares incidiu en que Galicia é a primeira rexión pesqueira de Europa e que en amplas zonas do país, miles de familias “viviron durante xeracións e seguen vivindo hoxe en día da pesca e da acuicultura”. “Que hoxe volva haber un comisario de Pesca non só era unha esixencia, é unha esperanza para retomar o rumbo perdido”, manifestou.
O eurodeputado galego lembrou os “enormes esforzos” realizados pola xente do mar, que se están a traducir na clara recuperación dos stocks comunitarios. “O sector non quere seguir sufrindo esa mirada de desconfianza cando cumpriu e é, sen dúbida, o sector máis sostible do mundo, vital para a nosa soberanía alimentaria”, salientou Casares, para esixir recoñecemento aos esforzos realizados e “coidado” polas autoridades comunitarias para garantir o seu futuro e competitividade fronte a terceiros países que non respectan as regras de xogo.
Na súa intervención, o eurodeputado socialista puxo o foco nos importantes retos e limitacións que enfronta o sector na súa modernización e descarbonización, en particular a frota artesanal, polo que lle esixiu compromiso á nova Comisión para abordar os cambios normativos necesarios para promover a modernización da frota pesqueira europea; en particular, para atender a necesidade de garantir que a tonelaxe social dos buques -a dedicada á seguridade e o descanso ou as áreas necesarias para o uso de novas tecnoloxías de motores- non se considere capacidade pesqueira.
Ademais, reivindicou a necesidade de afrontar as dificultades de moitos dos segmentos da frota, en particular a de pequena escala, para acceder a apoio financeiro a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), algo que é necesario corrixir para abordar o crecente envellecemento da frota pesqueira da UE e a necesidade da renovación e modernización de buques.