González Casares afirma que a descarbonización é a vía máis eficiente para reforzar a competitividade europea

O eurodeputado socialista participa en Avilés no XI Curso de Verán de La Granda, organizado polo Club Español da Enerxía, dedicado a analizar os retos dunha transición enerxética resiliente

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares defendeu hoxe que a descarbonización constitúe “a vía máis eficiente para reforzar a competitividade de Europa, reducir a nosa vulnerabilidade enerxética e avanzar en soberanía”.

González Casares participou no XI Curso de Verán de La Granda, que se celebra os días 30 e 31 de xullo en Avilés baixo o título Cara a unha transición enerxética resiliente. A xornada reúne a representantes institucionais, empresariais e políticos para analizar a evolución do sistema enerxético europeo e os principais desafíos dos próximos anos.

O programa foi presentado por Cristina Rivero, directora xeral do Club Español da Enerxía —Enerclub—, quen inaugurou o curso en representación da entidade organizadora. Na sesión de apertura tamén interviñeron Benigno Pendás, presidente da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas e dos Cursos de La Granda; Duarte Bello, conselleiro delegado de EDP España, mediante unha intervención en vídeo, e Juan Carlos Campo, viceconselleiro de Industria do Goberno do Principado de Asturias.

O eurodeputado galego interveu nunha mesa dedicada a analizar a situación da competitividade durante a segunda Comisión Von der Leyen, xunto coa eurodeputada do Partido Popular Susana Solís e baixo a moderación de Pablo de Juan, de WPC Energy.

Durante a súa intervención, González Casares sinalou que Europa debe afrontar conxuntamente os obxectivos de competitividade, seguridade enerxética e descarbonización. “Non podemos presentar a transición enerxética como un obstáculo para a industria europea. Ao contrario, dispoñer de enerxía limpa, estable e a prezos competitivos será unha das principais vantaxes económicas de Europa”, afirmou.

O socialista destacou a necesidade de acelerar a electrificación da economía e reforzar as redes eléctricas, o almacenamento e as interconexións. Ao seu xuízo, este será un dos grandes debates do próximo curso político europeo, porque “sen redes suficientes non poderemos integrar toda a nova xeración renovable, electrificar a industria nin ofrecer prezos máis estables aos consumidores”.

Tamén reclamou un debate “serio, transparente e baseado en datos” sobre o impacto enerxético do desenvolvemento da intelixencia artificial e dos centros de datos en Europa. González Casares considera imprescindible planificar a súa implantación, garantir un uso eficiente da enerxía e evitar que o crecemento destas infraestruturas incremente a dependencia europea do gas ou traslade custos adicionais ao conxunto dos consumidores.

En relación co Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión da Unión Europea —ETS—, pediu manter a ambición climática. “O ETS demostrou que pode actuar como un dinamizador da transformación da economía europea. Os seus ingresos deben destinarse prioritariamente á descarbonización industrial, a electrificación, a innovación e a xustiza climática”, sinalou.

González Casares tamén advertiu de que o próximo outono podería resultar especialmente complexo no ámbito enerxético se se prolonga o conflito en Irán e continúan as tensións que afectan o estreito de Ormuz. “Se o conflito continúa e o inverno é frío, poderiamos volver ver prezos moi elevados. Esa ameaza demostra que depender dos combustibles fósiles come os nosos aforros, debilita a nosa industria e prexudica a competitividade europea. Cada molécula fósil que deixamos de importar supón un avance en aforro, seguridade enerxética e soberanía”, concluíu.