González Casares celebra a aprobación do regulamento sobre pellets, reforzado tras a nefasta xestión da Xunta ante o vertido en Galicia

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, celebrou hoxe a aprobación definitiva no Parlamento Europeo do regulamento para previr as perdas de gránulos de plástico (pellets), "un avance moi importante para combater a contaminación por microplásticos e evitar que se repitan episodios como o que afectou ás costas galegas en 2023".

O socialista César Luena, relator da Eurocámara para este texto, lembrou que "a UE produce arredor de 57 millóns de toneladas destes microplásticos, das cales entre 52.000 e 184.000 toneladas vértense ao medio ambiente".

"Este acordo é un paso determinante para protexer os nosos océanos e as nosas comunidades costeiras", afirmou Casares, quen subliñou que, grazas á presión do Grupo Socialista, o transporte marítimo queda finalmente incluído, pechando unha importante lagoa da proposta inicial da Comisión. "O 40% dos pellets transpórtanse por mar. Agora deberán ir en envases de alta calidade, correctamente selados e con instrucións específicas de estiba. Esta medida evitará catástrofes como a do buque Toconao, que a Xunta tardou semanas en recoñecer".

González Casares lembrou a xestión "nefasta" do Goberno galego, que negou a existencia dun «problema real» nas costas galegas durante semanas. A aprobación deste regulamento é a proba de que Europa se moveu ante a mala xestión da Xunta.

Segundo estimacións, aquel vertido deixou máis de 26 toneladas de pellets dispersas no litoral galego e do norte de España, afectando de xeito significativo aos nosos ecosistemas mariños, dos que dependen actividades económicas tan importantes para Galicia como a pesca ou a recollida de marisco.

A aplicación do regulamento permitirá blindar a costa galega fronte a novos episodios de contaminación e traerá tranquilidade a aqueles sectores que dependen dun litoral limpo e produtivo.

O novo regulamento é unha vitoria de Europa, pero tamén unha reparación para Galicia. Grazas a estes novos controis evitaranse catástrofes que nunca deberon producirse.