González Casares, eurodeputado do PSdeG, rexeita a moción de censura a Von der Leyen no Parlamento Europeo

O europarlamentario sinala que a iniciativa estaba promovida pola extrema dereita e subliña a importancia de defender o Fondo Social Europeo

Esta mañá, o eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, votou en contra da moción de censura contra a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no pleno do Parlamento Europeo. Con 360 votos en contra, 175 a favor e 85 abstencións, a moción foi rexeitada e Vor der Leyen continúa no cargo grazas ao apoio da bancada socialista.

Casares explicou as tres razóns fundamentais nas que se apoiou á hora de decidir o seu voto: principios políticos, responsabilidade institucional e defensa das políticas sociais europeas. En primeiro lugar, o eurodeputado advertiu que a moción estaba promovida por forzas da extrema dereita, “o que é motivo suficiente para non apoiala”, asegurou. “Non compartimos nin os motivos nin os obxectivos daqueles que propoñen esta iniciativa”, engadiu, insistindo na importancia de non caer en manobras que buscan minar a estabilidade do proxecto europeo desde dentro.

A segunda razón do seu voto negativo foi a re- introdución do Fondo Social Europeo (FSE) no proxecto do Marco Financeiro Plurianual, trala presión exercida polo Grupo dos Socialistas e Demócratas (S&D), liderado pola eurodeputada Iratxe García Pérez. González Casares valorou esta rectificación da Comisión como “unha vitoria decisiva para as políticas sociais dos estados, rexións, cidades e organizacións en toda a UE”, e lembrou que “Von der Leyen e o Partido Popular pretendían suprimilo”, polo que considera este cambio de rumbo un logro político de primeiro nivel.

No que respecta ao ‘Pfizergate’, outro dos argumentos utilizados para impulsar a moción, o eurodeputado galego foi claro: “Trátase dun asunto que tivo lugar hai máis de catro anos e que non presenta novidades substanciais desde entón”. Neste sentido, lembrou que “hai apenas oito meses esta mesma Cámara renovoulle a confianza a Von der Leyen, polo que non procede agora retirar ese apoio”.

Aínda así, González Casares recoñeceu que “as dinámicas actuais da Comisión Europea son moito máis negativas que na súa primeira lexislatura”, e advertiu que a nova Comisión apenas leva un ano de mandato. Por iso, subliñou que “é preciso esixir cambios e correccións, pero tamén actuar con responsabilidade institucional”, insistindo na necesidade de manter unha posición firme, crítica e construtiva ante os retos que ten por diante a Unión Europea.