González Casares: “As enerxías renovables son garantía de seguridade e competitividade para Europa”

O Parlamento Europeo acolle a 25ª Reunión Interparlamentaria sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética (IPM25) de Eufores

A vicepresidenta para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva, Teresa Ribera, e a directora xeral de Enerxía da Comisión Europea, Ditte Juul-Jørgensen, así como eurodeputados e deputados nacionais de máis de 20 países participan na reunión

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares aseguraba este xoves que as enerxías renovables son “garantía de seguridade e competitividade para Europa” e que a correcta implementación das directivas nesta materia así como en eficiencia enerxética constitúen unha oportunidade para mellorar “a competitividade das pemes e da industria europea garantindo que os menores custos das enerxías renovables cheguen ás empresas e ás facturas dos consumidores”.

Así o destacou durante a inauguración da 25ª Reunión Interparlamentaria sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética organizada por Eufores, Foro Europeo de Fuentes de Enerxía Renovables, fundado en 1995 e que nesta lexislatura preside o europarlamentario socialista, quen deu a benvida este xoves aos máis de 50 eurodeputados e deputados nacionais de máis de 20 países, ademais de empresas do sector, Ong e académicos que se dan cita, onte e hoxe, nas dúas sedes da interparlamentaria, o Parlamento Europeo e o Parlamento de Bélxica.

Na súa intervención inicial, González Casares incidiu en que a Unión Europea atravesa un momento crítico, marcado pola crise climática, xunto aos retos enerxéticos, as consecuencias económicas e a inestabilidade xeopolítica debida a conflitos como a guerra de Ucraína.

Nese marco, incidiu en que a Unión Europea está inmersa na aplicación do Pacto Verde Europeo, co paquete Fit for 55 e o Plan REPowerEU acordados na última lexislatura, elementos que marcan “o camiño para modernizar a Unión Europea, o seu modelo económico, á vez que abordamos a crise climática”. “Estas medidas tradúcense en reformas, investimentos e oportunidades que, ben xestionadas, poden reforzar a nosa competitividade e garantir a seguridade da subministración enerxética para todos os europeos”.

Para Casares, a correcta implementación deste conxunto de normativas, xunto coas novas iniciativas derivadas do recentes Acordo Industrial Limpo, o Plan de Acción para unha Enerxía Alcanzable e os paquetes presentados pola Comisión Europea o mes pasado supoñen unha oportunidade para mellorar a competitividade global da Unión.

Necesitamos que os obxectivos e metas fixados a escala da UE se apliquen de forma ambiciosa e coherente en cada un dos nosos Estados membros. Vostedes, como lexisladores, son clave para garantir que a aplicación destas políticas sexa eficaz e que cada país dispoña das ferramentas necesarias para impulsar a transición enerxética. Ao mesmo tempo, en Bruxelas é clave ter en conta as particularidades de cada Estado membro”, remarcou o eurodeputado español, quen destacou que foros como este son cruciais para “fomentar o diálogo, a aprendizaxe mutua e, sobre todo, para impulsar compromisos concretos que nos axuden a avanzar cara a unha Europa sostible, innovadora e socialmente xusta”.

25ª Reunión Interparlamentaria sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética

A IPM25 desenvólvese en Bruxelas, onte no Parlamento Europeo e hoxe na sede do Parlamento belga. Este evento reúne a eurodeputados, parlamentarios de máis de 20 Estados membros, así como a representantes de empresas administracións nacionais, a Comisión Europea e representantes do sector industrial, científico e ONG enfocadas na transición enerxética. A Interparlamentaria contará coa participación da vicepresidenta da Comisión Europea para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva, Teresa Ribera, e de Ditte Juul Jørgensen, directora xeral de Enerxía da Comisión Europea.

A axenda inclúe relatorios de alto nivel e mesas de debate centradas na transición enerxética, as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o Acordo Industrial Limpo, o Plan de Acción para unha Enerxía Alcanzable, a Estratexia de electrificación, a mobilidade eléctrica ou a flexibilidade.

EUFORES é unha rede europea multipartidista que agrupa a membros do Parlamento Europeo e dos parlamentos nacionais dos 27 Estados membro, co obxectivo de promover as enerxías renovables e a eficiencia enerxética.