González Casares participa na reunión interparlamentaria entre a Unión Europea e Brasil

O eurodeputado socialista reuniuse co vicepresidente brasileiro, Geraldo Alckmin, e a ministra de Medio Ambiente, Marina Silva

Salienta a vontade de impulsar o acordo UE-Mercosur, facendo un seguimento detallado do mesmo para evitar impactos negativos en sectores sensibles

Defende que Galicia, “por historia e proximidade lingüística”, pode e debe ser un socio fiable de Brasil

O eurodeputado galego, Nicolás González Casares, está a participar esta semana na reunión interparlamentaria entre a Unión Europea e Brasil, que se está a celebrar en Brasilia e Río de Xaneiro, co obxectivo de reforzar os lazos entre o xigante sudamericano e a UE. Durante a viaxe, puido reunirse con Geraldo Alckmin, vicepresidente do Goberno do Brasil e neste momento presidente en funcións pola ausencia de Lula da Silva, quen se atopa en Washington para entrevistarse con Donald Trump, e con Marina Silva, ministra brasileira de Medio Ambiente, coa que departiu sobre os compromisos climáticos e ambientais a ambos lados do Atlántico.

Como integrante da delegación do Parlamento Europeo, o socialista participou este mércores en Brasilia na reunión co Grupo de Amizade Brasil-UE da Cámara de Deputados de Brasil, encontro no que ambas delegacións abordaron o acordo de libre comercio UE-Mercosur. Nese marco, os parlamentarios de ambos lados do Atlántico acordaron realizar un seguimento polo miúdo do acordo, que entrou en vigor o pasado 1 de maio. “No encontro quedou claro que ambas partes consideramos o acordo positivo, pero que cómpre realizar un seguimento da súa implantación para que non se produzan atascos administrativos nin impactos negativos en sectores sensibles”, puntualizou González Casares.

Como xa fixera na súa recente visita a Arxentina, trasladou aos deputados brasileiros a necesidade de impulsar un acordo comercial ambicioso e equilibrado, que garanta estándares altos e recíprocos en materia ambiental e laboral, co fin de asegurar condicións de competencia xustas entre ambas rexións, ao tempo que se protexen os sectores mais sensibles mediante cláusulas de salvagarda que impidan impactos negativos.

Ademais, Casares puxo en valor o carácter “estratéxico” e “histórico” do acordo que vai permitir “fortalecer os lazos entre Europa, Brasil e toda América Latina”. E, a este respecto, destacou o papel de Galicia como “ponte” con América, pois “por historia e proximidades lingüísticas e culturais Galicia pode e deber ser un socio fiable de Brasil”.