O fallo do Tribunal Xeral da Unión Europea confirma a legalidade da excepción ibérica, que aforrou máis de 5.100 millóns de euros ás persoas consumidoras españolas.
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares celebrou a sentenza do Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE) que avala a legalidade da excepción ibérica. Grazas a esta medida, España e Portugal lograron controlar os prezos da electricidade nun contexto de crise e aforrar máis de 5.100 millóns de euros ás persoas consumidoras españolas.
Para González Casares, esta decisión demostra que a excepción ibérica foi “unha resposta xustificada e proporcionada á crise enerxética”, totalmente axustada á lexislación europea. “Reafirma a intervención do Goberno español en defensa das persoas consumidoras”, explica.
O fallo do TXUE sinala que a medida reduciu os custos eléctricos sen comprometer a competencia e, ademais, reforza a capacidade dos Estados membros para intervir en mercados especiais. En palabras de González Casares, “ábrese a porta a que no futuro se poida apoiar a intervención dos mercados en situacións de crise” co obxectivo de protexer ás persoas consumidoras da volatilidade dos prezos. Un enfoque xa defendido na nova regulación do mercado eléctrico europeo, liderada por Casares e aprobada o ano pasado tras longos meses de negociacións.
Esta sentenza chega nun momento clave, coincidindo coa posta en marcha do Clean Industrial Deal (Pacto Industrial Limpo), unha iniciativa crucial para regular a transición enerxética e industrial en Europa e cumprir cos obxectivos climáticos dos Vinte e sete.
Para González Casares, a decisión do TXUE constata que a política enerxética do Goberno español, respectando a normativa europea, foi capaz de reducir o custo da electricidade de maneira xusta.