A Comisión Europea avala a taxa do lixo que entrará en vigor en 2025

A medida está destinada a reducir residuos en cumprimento da Directiva Europea

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, sinalou hoxe que a Comisión Europea avala a nova taxa do lixo que deberán aplicar os concellos a partir de abril de 2025.

Nunha resposta escrita, o ata o pasado mes de novembro vicepresidente executivo Maroš Šefčovič, responsable do Pacto Verde, sinala que “o anexo IV bis da Directiva Marco sobre Residuos contén unha listaxe non exhaustiva de exemplos de instrumentos económicos e outras medidas para incentivar a aplicación da xerarquía de residuos que os Estados membros poden utilizar discrecionalmente para cubrir os custes da xestión de residuos”. Entre estes instrumentos, o anexo cita como primeiro punto as “taxas e restriccións para o vertido e incineración de residuos que incentivan a prevención e a reciclaxe de residuos”.

O eurodeputado socialista lembra que a Directiva 2018/851 que modifica a Directiva de Residuos foi apoiada polo Goberno de Mariano Rajoy no Consello, e polo Partido Popular Europeo durante a votación no Parlamento Europeo. “Resulta profundamente hipócrita que o Partido Popular critique agora unha medida que no seu momento apoiou e que supón un avance importante nun tema capital como é reducir os efectos negativos da xestión de residuos e ofrece máis transparencia á cidadanía”.