A Comisión Europea confírmalle a González Casares a próxima publicación dunha Estratexia marítima industrial para impulsar a construción naval en Europa

O Executivo comunitario comprométese a abordar as prácticas comerciais desleais no sector e a preservar a competitividade da industria europea

A Comisión Europea confirmoulle ao eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, a súa intención de elaborar unha Estratexia marítima industrialpara mellorar “a competitividade, a resiliencia e a sostibilidade” do sector industrial marítimo europeo, “incluída a construción naval, a reparación e transformación de buques e a produción de equipos”.

Así o afirmou o Executivo comunitario en resposta a unha pregunta parlamentaria presentada por González Casares o pasado mes de xaneiro na que, precisamente, reclamaba unha estratexia para relanzar o sector da construción naval europeo á vista dos resultados dunha investigación en Estados Unidos sobre as subvencións chinesas á súa industria de construción naval e o impacto na competencia global. Entre as prácticas identificadas nesa investigación atoparíanse o uso de apoios financeiros, barreiras para empresas de terceiros países, transferencia tecnolóxica forzada, violacións de propiedade intelectual e redución artificial de custos laborais, o cal explicaría que a industria chinesa pasara de abarcar un 5 % da construción naval mundial en 2000 a un 50 % en 2023.

Na súa resposta, a Comisión admite o rápido crecemento da industria chinesa da construción naval nos últimos anos “e o elevado número de medidas de apoio das que se beneficiou”. Por iso, móstrase “disposta a abordar as prácticas comerciais desleais” cando os feitos así o xustifiquen e referenda “o seu compromiso de preservar a competitividade mundial do sector da construción naval da UE”.

Nese contexto, a Comisión enmarca a futura elaboración de Estratexia marítima industrial a nivel da Unión para impulsar ao sector europeo, dado, ademais, “o potencial e a responsabilidade das industrias da construción naval para impulsar a dobre transición, apoiar a competitividade industrial de Europa e mellorar a conectividade”. A Comisión comprométese a recuperar a competitividade sostible en segmentos estratéxicos, incluídos o transporte marítimo de curta distancia e a navegación interior, e a seguir as recomendacións do informe Draghi para manter a actual base industrial, recuperar o liderado na produción de transbordadores, buques de transporte de enerxía e de investigación, e adquirir liderado mundial nos mercados emerxentes de crecemento azul.

“É positivo, pero non suficiente, que a Comisión sexa consciente das prácticas desleais por parte de terceiros. O que urxe é actuar e avanzar ao máximo a adopción da Estratexia e de medidas concretas para relanzar o sector da construción naval europeo como unha axente crucial en todos os segmentos, incluído o mercante, e non só en nichos específicos”, conclúe Casares.