Nicolás González Casares preside a Delegación do Parlamento Europeo na Convención Marco para o Control do Tabaco da OMS

A UE debe reforzar o seu liderado global ante o repunte do consumo de nicotina entre a mocidade e a expansión de novos dispositivos adictivos

Casares reclama máis ambición fiscal e lexislativa para frear o tabaquismo e protexer a saúde pública en Europa

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares preside dende hoxe e ata mañá a Delegación do Parlamento Europeo na 11ª Conferencia das Partes (COP11) do Convenio Marco da OMS para o Control do Tabaco (FCTC), que se celebra en Xenebra. Esta cita reúne a máis de 180 partes co obxectivo de avanzar en políticas globais para reducir o consumo de tabaco e frear a expansión dos novos produtos de nicotina.

A COP11 ten lugar nun contexto especialmente delicado: por primeira vez en dúas décadas, Europa rexistra un repunte nas cifras de consumo de tabaco e nicotina entre a poboación moza, impulsado polo auxe dos cigarros electrónicos, os dispositivos desbotables e os produtos de tabaco quentado, que a OMS cualifica como unha “porta de entrada” á adicción. Paralelamente, a Unión Europea está inmersa na revisión da súa lexislación nesta materia, cun foco especial na Directiva de Produtos do Tabaco, a Directiva de Impostos Especiais e a normativa sobre novos dispositivos.

Europa debe estar presente cando outros se retiran

González Casares destacou a importancia de que a Unión Europea manteña un papel activo nos foros da OMS, especialmente “nun momento no que os Estados Unidos continúan desvinculados do FCTC, o que aumenta a responsabilidade europea na defensa do sistema multilateral de saúde pública”.

Durante as dúas xornadas da conferencia, a Delegación do Parlamento Europeo desenvolverá unha intensa axenda de reunións con responsables da OMS, representantes de distintos países e membros clave da Comisión Europea implicados nas políticas de control do tabaco.

“Como español podo estar satisfeito; como lexislador europeo, non”

O eurodeputado expresou o seu recoñecemento aos avances impulsados polo Goberno de España a través do novo Plan Integral de Prevención e Control do Tabaquismo, a ampliación dos espazos sen fume e o reforzo das medidas fiscais. “Como español podo estar satisfeito polos pasos dados; pero como lexislador europeo non podo dicir o mesmo”, afirmou.

Casares considera necesario que a negociación no marco internacional da FCTC debe avanzar con decisión en varios aspectos prioritarios. En primeiro lugar, cómpre frear a expansión dos novos dispositivos de nicotina, que están enganando a milleiros de mozos e mozas arredor do mundo. En Europa, un de cada cinco adolescentes xa probou os cigarros electrónicos, segundo o estudo ESPAD.

Ademais, é fundamental reforzar unha fiscalidade que cumpra realmente unha función disuasoria, a medida máis eficaz para diminuír o consumo, especialmente entre a poboación máis nova. Xunto a isto, Casares tamén sinalou a necesidade de combater con máis contundencia o contrabando e o comercio ilícito de tabaco, unha actividade que provoca perdas superiores aos 10.000 millóns de euros anuais na UE e alimenta redes de criminalidade organizada.

Un risco clave para as principais causas de mortalidade na UE

O tabaquismo continúa a ser o principal factor de risco das tres enfermidades que máis mortes causan na Unión Europea: as cardiovasculares, o cancro e as enfermidades respiratorias. Cada ano provoca arredor de 700.000 mortes no conxunto da UE, segundo datos da Comisión Europea, e está detrás de máis do 90% dos casos de cancro de pulmón.

A loita contra o tabaco debe intensificarse, non retroceder. Non podemos permitir que se normalicen produtos que enganchan ás novas xeracións e perpetúan a maior causa prevenible de morte en Europa”, concluíu Casares.