O PSdeG da a súa confianza á Comisión Europea con Ribera como vicepresidenta para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva

Nicolás González Casares vota a favor da nova Comisión Europea, na que terá un papel destacado da ex vicepresidenta do Goberno español como número 2 de Von der Leyen

O PSdeG-PSOE, a través do eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, deu hoxe a súa confianza á nova Comisión Europea, na que a ex vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera, xogará un papel crucial como número 2 da mesma como vicepresidenta para a Transición Limpa, Xusta e Competitiva.

Co seu voto afirmativo durante o pleno do Parlamento Europeo hoxe en Estrasburgo, o PSdeG-PSOE deu un voto de confianza á nova Comisión para facer fronte a un momento político complexo, que require que Europa saia urxentemente da interinidade e conte cunha Comisión en plenas capacidades a partir do 1 de decembro.

González Casares incidiu no ridículo do PP español votando en contra dunha presidenta, Ursula Von der Leyen, do seu propio partido e en contra dun acordo entre os principais partidos proeuropeos: EPP, S&D e Renew Europe. “O PP e os eurodeputados galegos situáronse coa ultradereita e os inimigos de Europa. É inconcebible, ridículo e contrario aos intereses de Galicia e da cidadanía galega”, indicou.

Para o eurodeputado socialista galego, a actual Comisión “non é a mellor, pero é a mellor posible”, de aí o voto favorable á mesma. “Votamos a favor por unha maioría a favor da Unión Europea, do Pacto Verde Europeo, polo desenvolvemento e protección das liberdades e por unha Europa que invista no seu desenvolvemento industrial”, remarcou.

González Casares considerou “escandaloso” que o PP votara en contra dunha Comisión que, ademais, recupera, tal e como reclamaran os socialistas durante a campaña electoral,  a figura do comisario de Pesca “e hai cinco anos votara a favor cando non o había”. “Así demostra o PP galego o que lle preocupa o noso sector pesqueiro”, rematou.