González Casares pon en valor os esforzos da industria galega por sumarse á transición enerxética

September 20, 2022

O eurodeputado acompaña estes días a unha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo na súa visita a Galicia e Asturias

“Temos que coidar a parte social da transición enerxética”, insistía este luns o eurodeputado Nicolás González Casares, relator socialista na Revisión da Directiva de Enerxías Renovables e na Comisión de Transporte e Enerxía.

Casares acompaña estes días a unha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo que se desprazou a Galicia e Asturias para coñecer de primeira man os desafíos aos que se enfronta a industria en materia de transición enerxética. Unha visita que o socialista xa propuxera hai anos e que esta semana (luns, martes e mércores), por fin, faise realidade ante a crise enerxética que vive Europa e a urxencia de adoptar medidas que reduzan os prezos da electricidade e impulsen as renovables.

O eurodeputado alemán Jens Geier (S&D) preside esta misión na que participan os eurodeputados Marion Walsmann (PPE, Alemaña), Henna Virkkunen (PPE, Finlandia), Niels Fuglsang (S&D, Dinamarca), Izaskun Bilbao (RE, España), Susana Solís (RE, España), Pilar del Castillo (PPE, España) e Francisco José Millán Mon (PPE, España). O obxectivo desta viaxe, como explicaba Geier, é “observar a transformación que se está levando a cabo no noroeste de España para descarbonizar a industria”.

A delegación arrincaba a súa viaxe na tarde deste luns, cun encontro na Coruña co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde; a secretaria xeral de Industria da Xunta de Galicia, Paula Uría; e a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey. “A transición xusta debe ir acompañada de políticas laborais e sociais que non deixen atrás a todos os traballadores, senón que esa transición sexa tamén unha transición laboral”, apuntou Rey, defensora, en liña con González Casares, de aplicar eses coñecementos e experiencias adquiridas no novo modelo industrial. A rexedora insistiu na necesidade de escoitar ás administracións locais e deixar “de centrar unicamente a transición ecolóxica na parte máis industrial dos sectores produtivos” e mirar tamén cara ao impulso de cidades máis sostibles.

Tras a xunta, desprazáronse ata o Porto Exterior de Ferrol para reunirse con representantes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Nervión Industries, Reganosa, Ence, Sentury Tire e Showa Denko. Desde as diferentes compañías compartiron os cambios que están a implementar para mitigar o quecemento global. Como afirmaban desde Nervión Industries, “podemos dar solución a un problema global”.

Co propósito de coñecer en maior detalle o labor da industria da Comarca de Ferrol respecto a a transición enerxética, o grupo continuou o seu percorrido visitando o estaleiro Navantia-Fene e a empresa de gas natural licuado (GNL) Reganosa, en Mugardos.

En Navantia, revisaron a construción de ‘jackets’, as estruturas de aceiro que suxeitan os aeroxeradores de enerxía eólica mariña e que teñen unha longa vida útil, 25 anos. O eurodeputado socialista Nicolás González describía a planta “como o sitio máis importante de Europa na produción deste tipo de estruturas, un elemento de transición que vai crear emprego en Galicia, de feito xa o está facendo”.

Na visita acompañounos o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, quen sinalou a importancia que ten para a comarca, “marcada pola xeración de enerxía”, a visita da delegación. “Hai numerosos proxectos que son capaces de realizar esa transición xusta que é imprescindible. España ten moito traballo feito, concretamente na xeración de enerxía eléctrica a partir de eólicos mariños, somos un referente a nivel europeo”, sinalou Matogueira quen destacou a importancia que teñen as ferramentas que pon a disposición a Unión Europea das empresas para poder facer realidade estes proxectos.

A xornada terminou nas instalacións de Reganosa, na que, da man do seu director xeral, Emilio Bruquetas, coñeceron os plans da empresa para producir hidróxeno verde. “Estamos preparados para producir hidróxeno verde a gran escala a partir do 2025”, explicaba Bruquetas.

España ten un terzo das capacidades europeas para producir gas natural licuado. “Estas plantas agora mesmo son moi valiosas para traer gas e diminuír a dependencia fósil rusa, pero tamén poden selo no futuro para mover hidróxeno verde, producido con electricidade renovable”, engadía o socialista galego.

A delegación continuará o seu percorrido pola comunidade este martes, no que visitará ENDESA-ENEL nas Pontes e Alcoa en San Cibrao.

Artículos relacionados

Unha Galicia forte en Europa

Unha Galicia forte en Europa

Besteiro defende que o PSdeG-PSOE desde o Goberno da Xunta vai estar enganchado a Europa e esa relación coas...

A aposta verde é vermella

A aposta verde é vermella

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Praza Pública O 9 DE FEBREIRO. AQUÍ PODES LELO Na Ría do Burgo, na área metropolitana da...

Galicia persigue la primavera

Galicia persigue la primavera

ESTE ARTÍCULO FUE PUBLICADO EN infoLibre El 8 DE FEBRERO. AQUÍ PUEDES LEERLO Cuando Feijóo ordenó a Rueda convocar las...