Casares censura a instrumentalización e uso partidista da Fundación Galicia Europa por parte do PP

February 2, 2023

O eurodeputado reivindica a utilización da Fundación como unha vía para defender os intereses de Galicia

Os eurodeputados galegos Nicolás González Casares (PSdeG-PSOE) e Ana Miranda (BNG) criticaron esta mañá a instrumentalización que a Xunta e o PPdeG fan da Fundación Galicia Europa (FGE), unha entidade que debera ser a voz de Galicia ante as institucións comunitarias, pero que os populares utilizan para facer turismo en Bruxelas.

Así reaccionaron os eurodeputados galegos tras a visita realizada esta semana por cargos do PPdeG á FGE, visita na que, unha vez máis, os populares fixeron un “uso partidista” desta institución, ao mesturar a presenza de cargos do partido e cargos institucionais como a do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. “As institucións galegas merecen respecto, non usos espúreos”, criticaron.

Tanto Miranda como Casares sinalaron que o Goberno do PP debera utilizar a Fundación como unha vía para defender os intereses de Galicia ante as institucións comunitarias. Non obstante, lamentan, “falta a primeira vez que a Fundación fixera chegar aos eurodeputados galegos un posicionamento ante unha diretiva ou regulamento europeo a pesar de que o Parlamento Europeo é colexislador en pé de igualdade co Consello e decide sobre materias con impacto directo nos sectores produtivos do país”.

“En vez de fomentar e coidar unha rede de influencia galega ante as institucións comunitarias para beneficio do país, o PP limítase a organizar viaxes turísticas dos seus cargos e a poñer a disposición do partido institucións públicas pagadas por todos”, concluíron.

Artículos relacionados