O eurodeputado Nicolás González chama á Comisión Europea a actuar nas granxas de visóns para evitar riscos epidémicos

January 27, 2023

Mostra a súa preocupación pola “susceptibilidade dos visóns a virus emerxentes” como o da gripe aviaria ou o da Covid-19

En outubro do pasado ano, un gromo de gripe aviaria nunha granxa de visóns de Carral mataba ao 4% dos animais da explotación e obrigaba a sacrificar a outros 52.000 visóns. O virus puido ser transmitido por aves silvestres, segundo recolle un recente estudo científico publicado na revista especializada ‘Eurosurveillance’. Ante esta situación, sobre a que xa se advertiu, e a falta de pronunciamento e transparencia por parte da Xunta de Galicia, os eurodeputados socialistas, o galego Nicolás González Casares, e o rioxano César Luena, instan á Comisión Europea a tomar cartas no asunto.

Os parlamentarios, membros da Comisión de Medio Ambiente e Saúde Pública (ENVI), instan á Comisión a intervir para evitar a transmisión de enfermidades neste tipo de granxas, tendo en conta, ademais, a preocupación existente pola “susceptibilidade dos visóns a virus emerxentes” como o H5N1 da gripe aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) e o SARS-CoV-2 (causante da enfermidade da COVID-19). “O risco de novas pandemias é cada vez maior se non se actúa”, alertan.

González Casares solicítalle ao executivo europeo que reforce a bioseguridade e bioprotección das granxas de visóns e promova “a aplicación de programas de vixilancia ad hoc dos virus da gripe A e outros patóxenos”. Os socialistas lembran que este tipo de intervencións son fundamentais para “previr o contacto entre visóns e animais salvaxes e controlar a transmisión de visóns a traballadores de granxas”. Así mesmo, pregúntanlle á CE se o Centro Europeo para a Prevención de Enfermidades (ECDC) contactou coas autoridades rexionais competentes na inspección sanitaria nestes casos.

Artículos relacionados