González Casares: “O PP vetou escoitar os problemas de contaminación do encoro das Conchas”

O eurodeputado galego critica que o Partido Popular Europeo bloquee o debate sobre o encoro das Conchas

Correspóndelle á Xunta de Galicia poñer o marco dunha solución á contaminación agraria por nitratos

O eurodeputado Nicolás González Casares criticou que o Partido Popular se apoiase na ultradereita para vetar o debate sobre a contaminación da cunca da Limia e o encoro das Conchas na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.

“Saben que lle corresponde á Xunta de Galicia poñer un marco de solución, pero prefiren evitar falar do problema”, explicou Casares. O grupo socialista no Parlamento Europeo mesmo propuxo unha misión para que os eurodeputados veñan a observar o problema, que afecta directamente ao cumprimento de estándares ambientais europeos.

Casares indicou que, de momento, os xuíces escoitaron máis á veciñanza que a Xunta de Galicia. “Poden escoitalos agora ou agardar á sentenza firme, o único que conseguirán é agravar os danos á saúde e aos dereitos dos veciños e veciñas, que xa teñen unha sentenza definitiva favorable e clara.”, sinalou.

“O importante aquí é que se tomen medidas que permitan a convivencia da actividade agraria co desenvolvemento da comarca. Hai unha afectación grave aos espazos naturais, ao patrimonio histórico -o xacemento de Aquis Querquennis, entre outros restos, está inundado de auga putrefacta- e á calidade de vida dos veciños e veciñas, o cal, ademais, prexudica á actividade turística da comarca, que é de relevancia”, insistiu.

O parlamentario europeo indicou que "a gandería do século XXI precisa de garantías ambientais. Esta situación parte dunha desatención das obrigas da Xunta, pero non podemos esquecer a parte que lle toca ás actividades gandeiras intensivas".

“A Xunta de Galicia ten que entender que xa non lle vai a ser posible mirar cara outro lado neste asunto, urxe tomar medidas serias” remata o eurodeputado galego.