ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Público O 13 DE XUÑO. AQUÍ PODES LELO
Viaxar de Galicia a Bruxelas ou Estrasburgo forma parte da miña cotidianidade como eurodeputado. Nestes últimos anos, supón tamén unha viaxe polas diferentes, e cada vez máis frecuentes e intensas, vagas de calor que asolan Europa e polas diferentes formas de enfrontalas. Só este ano pasei por polo menos catro, sendo a máis dura a que Bélxica sufriu na semana de San Xoán, pola súa intensidade e duración.
O terrible é que mentres en Bruxelas se acadaban temperaturas nunca vistas, o seu ministro de Defensa, o ultra Theo Francken, recomendaba “tomalo con calma cunha Stella fresca (cervexa belga), piscina e churrascada”. O resultado foi que en Bélxica se rexistrou un exceso de mortalidade de 1.222 persoas atribuíble á vaga de calor nun país que ten un cuarto da poboación de España. Esas son as receitas da dereita xenófoba europea e os seus resultados: tomar a broma a adaptación ao cambio climático e esquecer as verdadeiras necesidades da cidadanía ante unha situación extremadamente grave. E que non vai ir a menos.
Paralelamente no noso país, a dereita ultra está atrapando a dereita tradicional en posicións que rozan o negacionismo climático. Non é que o PP quedase na posición do “primo de Rajoy” e negue a evidencia, polo menos no discurso público. Pero nos seus pactos con Vox faise explícito o ataque ás políticas públicas que permiten reducir emisións e mellorar a nosa capacidade de adaptación á nova realidade climática. Parece unha caricatura, pero non o é: PP e Vox cambiaron partidas orzamentarias dedicadas á contratación de bombeiros para dedicalas á promoción das touradas.
Neglixencia climática e neglixencia humanitaria. Porque eses gobernos de Vox e PP tamén apostaron pola chamada “prioridade nacional”, que se resume en asegurar que as axudas públicas non sexan recibidas por aquelas persoas e familias que, residindo legalmente en España, teñan unha cor de pel diferente ou nacesen fóra do noso país. É dicir, unha roupaxe diferente para o racismo e a xenofobia de toda a vida, que agora o extremista Feijóo bendí a pesar de que o Papa o condena.
Fronte a esa “prioridade nacional” que, ademais de avergoñante, é inútil para o benestar da cidadanía e non poderá impoñerse porque a UE non o aceptará, cabe contrapoñer outras realidades como a “prioridade racional”.
“Prioridade racional” é prepararse para a situación de emerxencia climática na que vivimos: trátase de actuar en consonancia co que a ciencia non deixa de advertir e co que a evidencia non deixa de amosarnos. É o momento de políticas públicas serias, decididas e ambiciosas contra o cambio climático. Para reducir emisións e para adaptarnos ás altas temperaturas e aos seus fenómenos asociados. Políticas públicas de vivenda, de equipamentos públicos como escolas, urbanísticas, de renaturalización dos espazos públicos, de apoio aos sectores máis vulnerables e máis prexudicados, etc.
Porque mentres a dereita e a ultradereita priorizan o ataque ao diferente, as nosas persoas maiores e as persoas con enfermidades crónicas morren prematuramente por centos polos efectos da calor. A “prioridade racional” é protexerse fronte ao cambio climático, a irracional é perseguir a outros seres humanos. Políticas racionais fronte a ideoloxías irracionais, velaí a liña divisoria do noso tempo.

