“Putin está usando o gas como un arma de guerra”, Nicolás González

Debate sobre la Unión de la Energía

Xuño 23, 2022

O almacenamento de gas mellorará a seguridade do fornecemento da UE

Esta mañá o pleno do Parlamento Europeo debateu sobre asegurar o fornecemento de gas nos estados membros da UE de cara ao inverno, algo que debe facerse máis rápido como resposta á guerra de Rusia contra Ucraína.

O eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, interveu durante a sesión para recordar as palabras do Presidente da Axencia Internacional da Enerxía: “Canto máis nos achegamos ao inverno, máis entendemos as intencións de Rusia”. O inverno cada vez está máis preto, o gas redúcese, os prezos aumentan. “Agora necesitamos emendar os erros da alta dependencia de Rusia”, insistiu o eurodeputado socialista, que considera o acordo provisional entre o Consello e o Parlamento Europeo sobre a lexislación relativa ao almacenamento do gas, “un paso importante para mellorar a seguridade do fornecemento da UE nun contexto de guerra”.

O acordo establece como obxectivo que o almacenamento subterráneo de gas no territorio dos Estados membros debe cubrirse polo menos ata o 80 % da súa capacidade antes do inverno de 2022-2023 e ata o 90 % antes dos invernos seguintes. A Unión intentará, de forma colectiva, cubrir o 85 % da capacidade de almacenamento subterráneo de gas en 2022. Para González Casares garantir un mínimo de almacenamento “é crucial”, sendo, ademais, esta unha forma de “emendar un fallo de mercado” vendo que “a intervención pública resulta necesaria para garantir a seguridade de fornezo”.

Dado que non todos os Estados membros dispoñen de instalacións de almacenamento no seu territorio nin parten das mesmas circunstancias, o acordo necesitou reflectir esta realidade “acomodándose ás especificidades dos Estados Membros”.

Durante a súa intervención, Nicolás González recordou que “temos que seguir avanzando en reformas” porque a escaseza de gas “tamén afecta ao mercado eléctrico e ás regras de prezo”.

Para finalizar, o eurodeputado socialista reiterou a mensaxe de que Rusia non pode ser un provedor fiable da UE e a necesidade de apostar polas enerxías renovables. “Ademais de independizarnos de Rusia e os combustibles fósiles, temos que seguir profundando na transición enerxética cara a enerxías renovables que nos permitan unha maior independencia”.

Artículos relacionados

COP27: Non deixes para mañá…

COP27: Non deixes para mañá…

Rematou a COP27 na turística Sharm el Sheikj en Exipto e é hora de facer balance dunha COP que só pasará á historia...