A Comisión Europea aproba un paquete de medidas “temporais, proporcionais e extraordinarias” por unha vía que evita o Parlamento e o debate público
A Comisión Europea pisa o acelerador no despregamento das renovables ante a crise enerxética pola que atravesa Europa dando luz verde a un paquete de medidas “temporais, proporcionais e extraordinarias” que reduzan os tempos de espera na emisión de permisos para a posta en marcha destas instalacións ou a súa actualización.
Desde a bancada socialista, o eurodeputado Nicolás González Casares, relator do seu partido na nova directiva de Enerxías Renovables, aínda que entende este impulso das enerxías limpas ante o contexto de dependencia fósil e guerra, móstrase crítico ante dous puntos clave da proposta da CE. Por unha banda, valora como arriscada a declaración de proxectos como de “interese público xeneral” ao tramitarse sen ter en conta, aínda que sexa con algunhas limitacións, as Directivas de Hábitat, auga e aves. “Aínda cando se refire a novos proxectos e non os que están en trámite, existe arbitrariedade na interpretación dese interese superior e o dano causado a posteriori pode non ser reversible. Facer isto pola vía de urxencia, aínda que sexa por un tempo limitado, é arriscado”, sostén.
Respecto á présa con que se adoptan estas medidas, Casares móstrase crítico coa decisión tomada. Critica o reiterado uso que se fai do artigo 122 dos Tratados da UE que permite levar este asunto pola vía de urxencia, sen ser debatido no Parlamento Europeo. “Non se xustifica porque, ademais, durante as negociacións da Directiva de Renovables propúxoselle, desde os negociadores no Parlamento entre os que me atopo, á Comisión Europea usar un procedemento de negociación acelerado para estes asuntos e rexeitouno”, engade.
O relator socialista na nova directiva de Enerxías Renovables considera que este paquete de medidas é “unha clara concesión a Alemaña”, aínda cando outros temas que son moi importantes para a cidadanía polo que competen ao prezo da enerxía “se atascan en Alemaña”; “con tanta dependencia de gas e carbón non deberían poñer tantas condicións. Non son un exemplo”.
Con todo, Nicolás González sinala tres aspectos positivos da regulación: a concesión do permiso de instalación de bombas de calor, que substitúan ás calefaccións de gas natural, nun prazo de tres meses; cualifica como positiva a proposta para a descentralización do despregamento de renovables referida ao silencio administrativo positivo para instalacións de autoconsumo solar, que supón que, se nun prazo dun mes non se responde á petición do permiso, este darase por concedido; e, en terceiro lugar, a aceleración dos permisos para a repotenciación que non supoña novas afeccións mediante un silencio administrativo positivo de seis meses, o que se traduce en “máis renovables en menos tempo e sen ocupar novos espazos”. Tres medidas que valora como lóxicas e que favorecen “a descentralización renovable e o poder da cidadanía”.