Casares presenta emendas no Parlamento Europeo para reforzar a posición de Galicia nas redes transeuropeas

Novembro 11, 2022

O eurodeputado socialista corrixe os erros cometidos pola Comisión Europea en relación ás conexións ferroviarias galegas na proposta de regulamento das redes TEN-T

Aposta por impulsar a posición dos portos galegos en Europa

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, vén de presentar no Parlamento Europeo un conxunto de emendas para reforzar a posición de Galicia nas redes transeuropeas de transportes (TEN-T).

A través dun conxunto de emendas presentadas na Comisión de Transportes do Parlamento á proposta de Regulamento relativo ás orientacións da Unión para o desenvolvemento da rede transeuropea de transporte, Casares busca corrixir algún erro nos que incorreu a Comisión Europea á hora de presentar a proposta, ao tempo que mellorar a inclusión dalgunhas liñas e portos galegos no contexto das redes TEN-T.

En concreto, a emenda sobre a conexión Santiago-Vigo-Ourense de mercadorías, que figura na rede básica desde 2013, corrixe o erro cometido pola Comisión ao incluíla na rede global. Mesmo caso en relación á conexión ferroviaria Santiago-Ourense de pasaxeiros: a proposta da Comisión inclúea na rede global e a emenda volve situala dentro da rede básica de alta velocidade, onde xa figura actualmente.

Asemade, outra emenda do eurodeputado socialista busca mellorar a posición da conexión Vigo-Porto (tanto de pasaxeiros como de mercadorías) no contexto das redes TEN-T, pasándoa da rede básica estendida (finalización no horizonte 2040) á rede básica (finalización no horizonte de 2030).

Finalmente, outra emenda volve situar a conexión de mercadorías Ferrol-A Coruña na rede básica, en troques da rede global.

Portos

Por outra banda, as emendas do eurodeputado socialista tamén apostan por reforzar a posición dos portos galegos no contexto europeo. Concretamente, dúas emendas volven situar os portos de Vigo e Ferrol dentro da rede básica (fronte á proposta da Comisión de situalos na rede global), mentres que outra emenda aposta por situar o porto de Vilagarcía de Arousa dentro da rede global (ausente na proposta do Executivo comunitario).

Artículos relacionados