Arrancan as negociacións co Parlamento Europeo para aprobar a reforma do mercado eléctrico

Outubro 19, 2023

González Casares fíxase como meta aprobar a reforma, cunha clara dimensión social, antes de que se termine a lexislatura

Tras sete meses de negociacións, este martes o Consello Europeo, baixo a Presidencia española, daba luz verde á reforma do mercado eléctrico, cuxo obxectivo principal é promover os contratos de subministración eléctrica a longo prazo, o que contribuirá a ofrecer prezos máis estables e a reducir a volatilidade do mercado.

Co primeiro trílogo, de contacto, celebrado este xoves en Estrasburgo arrancan as negociacións co Parlamento Europeo. Na reunión, presidida polo eurodeputado polaco Zdzisław Krasnodębski do Grupo de Conservadores e Reformistas Europeos, participou Raul Pérez, embaixador Coreper da Presidencia Española do Consello Europeo; o eurodeputado Michael Bloss por parte do Grupo dos Verdes; diversos representantes da Comisión Europea e o relator do Parlamento para esta reforma, Nicolás González Casares.

O eurodeputado socialista insistiu na necesidade de traballar sen descanso para cumprir co obxectivo de concluír a reforma esta lexislatura e sinalou a axilidade do Parlamento como institución ante a demora causada polas disputas no Consello.

Como lembrou Casares, a reforma busca protexer aos consumidores e impulsar a participación cidadá, ademais de reducir a dependencia dos combustibles fósiles. Nunha aposta por construír un mercado eléctrico que fortaleza a descentralización e democratización, priorice a estabilización dos prezos e fomente as renovables como motor de descarbonización e eficiencia económica, o socialista destacou a importancia que ten a dimensión social desta reforma para o Parlamento Europeo.

Entre os aspectos máis debatidos desta reforma atópase a extensión dos contratos por diferenzas ás centrais nucleares, a intervención do mercado eléctrico en situacións de crise enerxética ou a prohibición de cortar a luz aos clientes máis vulnerables e/o aqueles afectados pola pobreza enerxética.

Artículos relacionados