González Casares: “En políticas sanitarias sempre deben prevalecer os intereses da saúde sobre os económicos”

Abril 10, 2024

O Pleno aproba unha reforma da política farmacéutica con “profunda marca socialista”

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares defendeu no Pleno do Parlamento Europeo “unha reforma da política farmacéutica da UE con profundas marcas socialistas, guiada polo interese xeral, para mellorar os problemas que temos en Europa de accesibilidade a fármacos, de innovación ou industriais”.

Durante o debate sobre a reforma do Paquete Farmacéutico, que hoxe se aprobou, González Casares sinalou que o texto final “favorece a innovación e o acceso aos medicamentos, redirixe o investimento cara a necesidades médicas non cubertas como as enfermidades raras, incentiva o desenvolvemento de novos antimicrobianos e protexe a investigación clínica”.

O eurodeputado, que foi o relator socialista para esta reforma, denunciou que a súa tramitación estivo marcada “por unha forte presión externa”. “Transmitiuse unha mensaxe incorrecta: non hai que elixir entre innovación farmacéutica en Europa e medicamentos accesibles e alcanzables, senón utilizar as políticas adecuadas”, dixo. “Moitos pretenden dispoñer de máis diñeiro para as súas compañías á conta do erario público. Opoñémonos con firmeza a que o diñeiro dos nosos pacientes financie innovación fóra de Europa como queren algúns”, subliñou.

González Casares sinalou que en políticas sanitarias “sempre deben prevalecer os intereses da saúde sobre os económicos”, e asegurou que “seguirá loitando para acabar coas inaceptables desigualdades no acceso aos medicamentos dentro da UE”. “O código postal non pode ser xamais o que determine se un paciente recibirá ou non o tratamento que necesita”, concluíu.

Artículos relacionados