González Casares: “A EDUSI supuxo un antes e un despois no desenvolvemento urbano sostible e integrado de Lalín”

Abril 22, 2024

O eurodeputado participou, vía online, na xornada técnica ‘Axenda Urbana de Lalín’

Esta mañá, o eurodeputado Nicolás González Casares comezaba a súa intervención na xornada técnica ‘Axenda Urbana de Lalín’ lembrando como a estratexia DUSI (Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) Lalín Ssuma 21, posta en marcha durante o seu período como tenente de alcalde e concelleiro de Benestar Social da capital dezá, supuxo un antes e un despois no “desenvolvemento urbano sostible e integrado” e, polo tanto, un cambio de paradigma. O plan xunto á formación especializada que recibiron os e as traballadoras do Concello para levalo a cabo, posibilitou a recuperación daqueles “lugares senlleiros de Lalín” como son as áreas de interese cultural e patrimonial de Lalín de Arriba e Donramiro, así como a zona do Manuel Rivero, na que se atopa o edifico polivalente que acolleu este encontro.

“A EDUSI foi un paso transformador e debe selo máis agora coa Axenda Urbana, na que as obras e as actividades deben estar aliñadas coas políticas europeas”, apuntou Casares, que tivo que intervir vía online desde Estrasburgo dados os compromisos parlamentarios. O socialista puxo enriba da mesa a importancia que teñen os fondos europeos para avanzar naqueles proxectos que, doutro xeito, só con fondos propios, serían imposible de realizar. Neste “documento vivo” que é a Axenda Urbana, ve unha grande oportunidade para “enganchar a Lalín á transición ecolóxica”, tanto nas súas zonas urbanas como rurais, nas que urxe mellorar as conexións de transporte.

O europarlamentario convidou aos representantes municipais presentes a incorporar os criterios da Nova Bauhaus Europea, un proxecto deseñado para promover a importancia da arquitectura na mellora da calidade de vida en comunidades urbanas e rurais centrándose na calidade e na “cultura da contorna construída”, nas iniciativas que se poñan en marcha no marco da Axenda Urbana, podendo presentalas, posteriormente, aos Premios da Nova Bauhaus Europea.

Como relator para a Reforma del Mercado Eléctrico europeo, puxo o foco na “oportunidade industrial” que representan as enerxías renovables para o “PIB galego do presente e do futuro” e avogou porque a súa implantación supoña un impacto positivo para a poboación. Puxo como exemplo o caso do parque eólico que destina unha parte dos megavatios producidos ás empresas do municipio ou que unha porcentaxe dos ingresos que xere vaian destinados a co-financiación europea de proxectos, aliviando a carga da tesourería municipal.

O Concello de Lalín foi seleccionado no 2021 como proxecto piloto do plan de acción local da Axenda Urbana Española. A xornada contou coa participación de José Crespo, alcalde de Lalín; Mª Paz Pérez, concelleira de Xestión de Fondos Europeos e Axenda Urbana; Rafael Cuíña, coordinador de Compromiso por Lalín e membro da Comisión de Seguimento da Axenda Urbana Local; María Ramallo, deputada provincial de Fondos Europeos; Sonia Hernández, subdirectora xeral de Mobilidade e Axenda Urbana do Ministerio de Transportes; María Luisa Presas, arquitecta e responsable da Axenda Urbana de Lalín; Eva López, divulgadora medioambiental, e o alumnado de varios centros de ensino lalinenses.

Artículos relacionados