Casares apoia que o Parlamento Europeo estude a implantación de Altri na Ulloa

Abril 16, 2024

O eurodeputado socialista galego reuniuse en Bruxelas con representantes da Plataforma Ulloa Viva

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, garantiulle á Plataforma Ulloa Viva o seu apoio para que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo estude as implicacións do proxecto de implantación industrial de Altri na comarca.

Así llelo trasladou este mediodía González Casares en Bruxelas aos membros da plataforma nunha reunión na capital comunitaria, na que remarcou que, previa a calquera posibilidade de concesión de axudas a cargo de fondos comunitarios, a Xunta de Galicia deberá realizar unha avaliación ambiental exhaustiva do proxecto da empresa, un proxecto que pouco ten que ver co inicialmente anunciado polo Goberno galego nin na súa actividade principal, nin nas súas dimensións en canto a investimentos ou empregos asociados.

“Só se o proxecto presentado supera a avaliación ambiental estará en condicións de avanzar á seguinte fase de estudo de posibles axudas públicas”, afirmou o eurodeputado, quen salientou que, chegado ese caso, os socialistas serán absolutamente “escrupulosos” na análise da proposta de concesión desas axudas.

Casares incidiu unha vez máis en que para obter financiamento comunitario, o proxecto de Altri deberá amosar a súa compatibilidade coas normas da taxonomía e o principio de non ter un impacto ambiental significativo. “Se hai unha proposta para conceder axudas comunitarias, estaremos vixiantes para que esta cumpra os principios comunitarios de respecto ambiental. Non obstante, agora a pelota está no tellado da Xunta de Galicia, que ten que demostrar rigorosidade e seriedade á hora de analizar os posibles impactos ambientais do proxecto, con transparencia, informando aos afectados e ao conxunto da sociedade galega”, remarcou.

“Grazas ao seu potencial, Galicia está en condicións de liderar a nova vaga de desenvolvemento industrial sustentable. Ese é o modelo que defendemos os socialistas. Á Xunta correspóndelle agora non ceder a presións, debe dar respostas á cidadanía e avaliar a compatibilidade deste proxecto cos principios do desenvolvemento sustentable e co respecto ao territorio, con rigor e sen deixar lugar a dúbida ningunha”, concluíu.

Artículos relacionados