Reclama que os medicamentos para enfermidades raras queden fóra da guerra comercial e propón reforzar a lexislación farmacéutica para garantir medicamentos innovadores e fabricados en Europa
Pide ao comisario Várhelyi que abandone o "antieuropeísmo e a anticiencia" e se suba “ao barco europeo da ciencia”
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares reivindicou este xoves no pleno do Parlamento Europeo un plan ambicioso que atenda as necesidades das persoas con enfermidades raras, que inclúa unha carteira europea de cribado neonatal obrigatoria. Durante a súa intervención, subliñou a importancia de mellorar as perspectivas de supervivencia e calidade de vida das persoas que teñen unha enfermidade rara, lembrando que un 7% da poboación europea sofre algunha das preto de 8.000 enfermidades raras identificadas, moitas das cales se manifestan desde o nacemento.
“Europa ten os recursos para que calquera persoa poida tratar as súas patoloxías, independentemente de que no seu país haxa ou non solución”, incidiu González Casares, defendendo a necesidade de facilitar a asistencia sanitaria transfronteiriza e fortalecer a resposta europea máis alá das Redes Europeas de Referencia (ERN).
Na súa intervención, o eurodeputado galego advertiu sobre o risco que supón a guerra comercial para a saúde de millóns de persoas e reclamou que os medicamentos destinados a tratar enfermidades raras queden fóra de calquera réxime de aranceis. Neste sentido, apelou directamente ao comisario Várhelyi para que demostre o seu compromiso real con Europa: “Báixese do barco do antieuropeísmo e a anticiencia e súbase ao barco europeo da ciencia e a innovación”.
Casares defendeu que, se se aplican aranceis no contexto da guerra comercial, deben existir sempre alternativas europeas, garantindo así o acceso a medicamentos esenciais sen poñer en risco a saúde das persoas máis vulnerables.
Por último, o eurodeputado socialista insistiu na necesidade de que a Unión Europea aposte decididamente por impulsar a innovación e a produción de medicamentos en chan europeo. Segundo explicou, a reforma en curso da lexislación farmacéutica europea é unha oportunidade clave para dar incentivos reais a quen aposte por investigar e fabricar medicamentos en Europa.
“A solución pasa por apostar de verdade na lexislación farmacéutica por innovar e producir medicamentos europeos”, remarcou Casares, quen subliñou que esta vía europeísta é a que permitirá garantir a autonomía estratéxica de Europa en materia de saúde e protexer ás persoas que sofren enfermidades raras.

