Galicia gaña peso no novo mapa industrial ao albergar un dos sete vales de hidróxeno renovable españois
Durante a sesión plenaria deste mércores, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares defendeu o Pacto por unha Industria Limpa como “a resposta lóxica para a reindustrialización de Europa no marco do Pacto Verde”, subliñando que “o futuro de Europa depende do éxito da descarbonización”.
Durante a súa intervención, Casares alertou do risco de que “algúns agora queiran baixarse dese barco pola presión da ultradereita” e advertiu de que “renunciar a esa folla de ruta sería o maior erro da UE neste século”.
Como relator socialista do Pacto por unha Industria Limpa, puxo o foco en que “o que danou á nosa industria foi unha dependencia de enerxía fósil que temos que importar”, polo que fixo un chamamento a impulsar as enerxías renovables, mellorar as interconexións e garantir estabilidade regulatoria como valor estratéxico para atraer investimentos.
No marco deste pacto, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acaba de resolver a convocatoria de axudas para a creación de grandes vales de hidróxeno renovable, destinando 1.223 millóns de euros do Plan de Recuperación a sete proxectos situados en Galicia, Castela e León, Aragón, Andalucía e Cataluña. Os vales de hidróxeno verde agrupan nunha mesma contorna a produción, o almacenamento e o uso do hidróxeno renovable, converténdose en pezas clave para acelerar a transición enerxética. Este modelo permite reducir custos, atraer a distintos tipos de consumidores industriais e xerar un efecto tractor sobre a economía local. En palabras do eurodeputado galego, trátase “dunha aposta clara por unha política industrial que non só reduce emisións, senón que xera emprego de calidade, vertebra o territorio e sitúa a Europa como referente en tecnoloxías limpas”.
Debate sobre as redes eléctricas
Doutra banda, González Casares, membro da Comisión de Industria e Enerxía, tamén participou no debate sobre o informe de redes eléctricas, onde defendeu que “a electrificación é un piar estratéxico para unha Europa competitiva e climaticamente neutra”. Na súa intervención, subliñou a necesidade de contar con redes sólidas, intelixentes e ben interconectadas, que permitan electrificar sectores como o transporte, a industria e os fogares, integrar máis renovables e abaratar a factura enerxética.
Ademais, lembrou que é imprescindible anticipar a planificación de infraestruturas, aplicar de forma efectiva as directivas sobre enerxías renovables e de deseño do mercado eléctrico, e conectar de forma real as rexións periféricas. Neste sentido, lamentou que a Península Ibérica siga practicamente illada do sistema europeo e recalcou que “alcanzar o 15 % de interconexión en 2030 esixe un plan de desenvolvemento robusto e unha coordinación rexional real”.

