González Casares: “A seguridade da subministración de medicamentos ten que ter financiamento europeo”

Casares manifestou que o Regulamento de Medicamentos Críticos debe ir máis alá de autorizar axudas de Estado e simplificar os procedementos

“O Regulamento de Medicamentos Críticos é un paso positivo na Unión Europea da Saúde, pero non podemos quedarnos curtos”, indicou o eurodeputado socialista

Este martes pola tarde, o eurodeputado Nicolás González Casares interveu no debate plenario de Estrasburgo sobre a escaseza de medicamentos críticos, onde se posicionou favorablemente ao regulamento, pero destacando a necesidade de que a Comisión se implique e financie os proxectos estratéxicos así como as compras de reservas europeas de medicamentos.

“Debe actuarse tanto na posta en marcha de produción made in Europe como na adquisición dos medicamentos críticos, e non podemos esperar a que estes se atopen nunha situación de vulnerabilidade na cadea de subministracións, se queremos seguridade e resiliencia debemos anticiparnos ás ameazas e facer adquisicións europeas de medicamentos críticos, que apoien a actuación dos Estados. O texto pon demasiado peso no papel dos Estados e a Comisión, debe integrar a seguridade sanitaria na súa estratexia de seguridade, e a seguridade da cadea de subministración é unha das partes clave na que o financiamento europeo é clave”; expuxo o parlamentario europeo.

Na súa intervención referiu, valorando o traballo previo para poder chegar a este texto, que “a proposta dá carta de natureza a varias das conclusións que xa vimos no reforzo do rol da EMA. Sen a clara definición que se fixo naquel momento, sen a lista de medicamentos críticos e sen a plataforma de monitorización de escaseza non se podería chegar ata o articulado que vemos hoxe”.

Casares considera positivo que se regule a provisión de medicamentos, de tal maneira que as reservas duns Estados non provoquen desabastecemento noutros: “Deben existir certas reservas, pero pensando en clave europea e sendo conscientes de que a planificación das cadeas de subministración e unha adecuada política de investimento e adquisición é a clave da seguridade sanitaria europea fronte á escaseza de medicamentos”.