O eurodeputado socialista propón no Parlamento Europeo un marco xurídico que garante que ningún órgano destinado a transplante poida ser tratado como un medicamento ou un ben comercial, por avanzada que sexa a tecnoloxía aplicada
O eurodeputado español Nicolás González Casares (S&D) presentou 16 emendas á proposta de Directiva da Comisión Europea que actualiza as normas de calidade e seguridade dos órganos humanos destinados a transplante (Directiva 2010/53/UE). As emendas, rexistradas o 3 de setembro ante as comisións de Medio Ambiente, Cambio Climático e Seguridade Alimentaria e de Saúde Pública do Parlamento Europeo, buscan garantir que as novas técnicas de “procesamento” de órganos —como a terapia xénica ou as técnicas de reparación celular— non abran a porta, nin sequera de forma indirecta, á comercialización do corpo humano.
A proposta da Comisión, presentada o pasado decembro dentro do paquete da Lei Europea de Biotecnoloxía, recoñece por primeira vez a nivel europeo que os órganos poden someterse a procesos de mellora ou mantemento da súa función antes do transplante. González Casares considera que, tal e como estaba redactada, a proposta non ofrecía garantías suficientes de que estes órganos procesados permanecesen sempre dentro do sistema de doazón altruísta, sen risco de acabar tratados, para efectos regulatorios, como se fosen un medicamento.
“A ciencia avanza e debemos acompañala, pero non podemos permitir que o progreso tecnolóxico se converta nunha vía indirecta cara á mercantilización do corpo humano. Un órgano doado segue sendo un órgano doado, aplíquese a tecnoloxía que se aplique”, declarou González Casares. “As nosas emendas deixan claro que a doazón seguirá sendo voluntaria, altruísta e allea a calquera lóxica de mercado”.
Entre as principais novidades que incorporan as emendas destaca a creación dunha “autorización de uso” específica para os medicamentos desenvolvidos para o procesamento de órganos, distinta da autorización de comercialización ordinaria, que deberá ser concedida pola autoridade de transplantes xunto coa autoridade de medicamentos de cada país. As emendas tamén establecen que a remuneración das empresas que presten estes servizos tecnolóxicos se limitará aos custos reais do servizo, sen que en ningún caso poida xerarse un beneficio económico vinculado ao propio órgano, e que estas empresas poderán ser propietarias da tecnoloxía empregada, pero nunca do órgano procesado.
Así mesmo, refórzase o principio de que ningún órgano procesado poderá seguir unha vía de acceso distinta da asignación ordinaria por criterios médicos e sociais, evitando así que se cree unha dobre vía —unha altruísta e outra de acceso privilexiado mediante tecnoloxía— que puidese minar a confianza pública na doazón.
O eurodeputado subliñou que “a confianza social na doazón de órganos é un activo que custou décadas construír en toda Europa, e non podemos permitirnos poñelo en risco. Estas emendas garanten que a innovación beneficie os pacientes en listas de espera sen alterar os principios que sosteñen o noso sistema de transplantes”.
As emendas negócianse actualmente no seo das comisións parlamentarias competentes, baixo o relatorio de Marta Temido e Adam Jarubas, nun proceso de emendas de compromiso previo á votación en comisión. Posteriormente, o Parlamento Europeo deberá negociar a súa posición final co Consello da UE, no marco do procedemento lexislativo ordinario.
Sobre a proposta
A proposta de Directiva [COM(2025) 1031 final] modifica as Directivas 2001/18/CE e 2010/53/UE no relativo á comercialización de microorganismos modificados xeneticamente e ao procesamento de órganos, e enmárcase no paquete lexislativo da Lei Europea de Biotecnoloxía.

