González Casares: “O plan Repower EU abre un novo campo de oportunidades industriais e de emprego para Galicia”

Maio 18, 2022

O eurodeputado socialista valora o plan como “unha aposta decidida por acelerar a transición cara a enerxías renovables e o aforro enerxético” na que España e Galicia poden explotar todo o seu potencial

Este mércores, a Comisión Europea presentou o Plan Repower EU co que facer fronte á actual crise enerxética. O plan presenta unha batería de medidas que supoñen un importante paso para reducir a dependencia dos combustibles fósiles rusos, diversificando a subministración, aforrando enerxía e acelerando o despregamento das enerxías renovables. Ademais de reforzar as medidas de continxencia ante o corte de subministración de gas.

Para o eurodeputado Nicolás González Casares, o Repower EU “é unha aposta decidida por acelerar a transición cara a enerxías renovables e o aforro enerxético”. Considera que o aumento dos obxectivos de renovables ao 45% ao reducir o consumo enerxético nun 13% para 2030 “é un bo paso para a descarbonización” e avoga polo equilibrio entre territorio e cidadanía no gran despregamento das renovables. “España ten unha grande oportunidade coa obrigación de colocar paneis solares nos teitos dos edificios, a cidadanía debe sacar partido desta posibilidade”, engade.

Respecto ás enerxías renovables, o Plan Repower EU contempla a aceleración dos procesos administrativos e de concesión de permisos. Duplícase o obxectivo de enerxía solar fotovoltaica para o 2026 e abórdase a obriga de instalar teitos solares nos edificios comerciais e públicos a partir de 2025 e nas novas edificacións residenciais a partir de 2029. Tamén se impulsa a eólica e o hidróxeno renovable, recóllense medidas para duplicar o despregamento de bombas de calor e a enerxía xeotérmica e solar térmica e preséntase un plan de acción para incrementar a produción de biometano en 35 bcm para o ano 2030.

González, que tamén é membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, valora moi positivamente o Plan Repower EU para España e Galicia: “Faranos máis competitivos grazas ao noso potencial renovable. O gran despregamento que se necesita para o 45% de renovables en 2030 debe facerse en diálogo co territorio, con planificación espacial e conciliando intereses; o impulso á aceleración do proceso de permisos que propón a Comisión se non se equilibra podería ser contraproducente e sobre isto estamos a traballar na negociación da Directiva de Renovables da que son relator”. O europarlamentario aplaude “o empuxe da democratización da enerxía solar” e chama ao consumidores a converterse en produtores para “abrir un novo campo de oportunidades industriais e de emprego do cal Galicia tamén se vai a beneficiar”.

Outros dos aspectos máis destacados do Plan Repower EU é a proposta dun “mecanismo de compra conxunta” que negociará e contratará as compras de gas en nome dos Estados membros participantes; o deseño dunha estratexia enerxética exterior da UE; a implantación de medidas adicionais e excepcionais para abordar os altos prezos da enerxía como o desacople do prezo do gas da electricidade proposto polo Goberno español; ou o reforzo da seguridade de subministración de gas ante continxencias.

Artículos relacionados