O Parlamento Europeo fixa novos obxectivos para os combustibles de aviación sostibles
O Parlamento Europeo ampliou este xoves os obxectivos da iniciativa ReFuelEU Aviation, que busca impulsar a oferta e a demanda de combustibles de aviación sostibles na Unión Europea para reducir a pegada ambiental da aviación e contribuír á consecución dos obxectivos climáticos da UE, entre eles, lograr a neutralidade climática da Unión como moi tarde en 2050 para evitar que a temperatura do planeta aumenta máis de 1.5ºC. Actualmente, os combustibles sostibles só representan o 0,05 % do consumo total e con esta normativa búscase que en 2040 e 2050 estes representen o 37 % e o 85 % respectivamente, fronte ao 32 % e o 63 % propostos pola Comisión Europea. Ademais, o hidróxeno e os fueis sintéticos ven impulsados.
O eurodeputado Nicolás González Casares, que foi relator da Comisión de Medio Ambiente no Parlamento Europeo, espera que con este avance cara a unha aviación máis sostible, a descarbonización e a loita contra o cambio climático formen parte da senda dun sector que aínda ten como tarefa pendente reducir considerablemente as súas emisións.
O socialista incitou a apostar polos fueis sostibles e aqueles de orixe sintética, de orixe non biolóxica: “Debemos ir pechando o paso a aqueles fueis que non son sostibles, ese é o noso labor”. Doutra banda, ante a ampliación da definición do Parlamento de combustible de aviación sostible (SAF son as súas siglas en inglés), o eurodeputado chamou á ambición para “evitar que se coen fueis de aviación sostibles que non o son”; combustibles que fagan un uso dos cultivos que afecte á accesibilidade dos alimentos e aumente a deforestación. Para Casares este é un punto fundamental, os SAF deben manter a coherencia e consistencia cos criterios de sustentabilidade da Directiva de Enerxías Renovables.
Esta normativa, que supón o despregamento dunha aviación máis sostible en Europa e a creación dunha industria de fueis, será valorada polo Consello Europeo.