“Os socialistas fomos pioneiros en avogar pola limitación do prezo do gas, a taxa aos beneficios caídos do ceo e o Midcat”

October 5, 2022

A Comisión Europea apoia as medidas en materia enerxética impulsadas por España

No Pleno do Parlamento Europeo deste mércores, a Eurocámara deu luz verde, por unha ampla maioría, a apoiar o Midcat e as medidas sobre enerxía promovidas polo Goberno de España. “Os socialistas fomos pioneiros en avogar pola limitación do prezo do gas, a taxa aos beneficios caídos do ceo e o Midcat”, subliñou nesta xornada o eurodeputado socialista Nicolás González Casares.

O europarlamentario referiuse ao “éxito indiscutible que supón a aprobación polo Parlamento Europeo das medidas impulsadas polo Goberno de España para facer fronte ao prezo da enerxía”. O desacople do prezo do gas do da electricidade, a reforma do mercado eléctrico, a taxa aos beneficios caídos do ceo e a necesidade de maiores controis no mercado almacenista do gas son algunhas das medidas con selo socialista que recolle a resolución aprobada no Pleno.

Pola súa banda, o Midcat, o gasoduto que uniría España e Francia, tamén se une a esta batería de medidas. “A resolución fai referencia á necesidade do Midcat, que aumentaría as capacidades de interconexión do noso país, e que, segundo as regras europeas, debería ser compatible en hidróxeno”, explicou González Casares.

Como membro da Comisión de Industria e Enerxía da Eurocámara, Nicolás González Casares lembrou que “o Goberno de Pedro Sánchez e os socialistas españois fomos pioneiros e introducimos no debate europeo estas cuestións que se foron abrindo paso nos últimos meses, fronte á oposición inicial dalgúns actores políticos e a deslealdade do Partido Popular español, que non cesou de poñer paus nas rodas e tratar de facer oposición fronte aos intereses da cidadanía”.

Artículos relacionados