O obxectivo da viaxe é coñecer o estado do conflito ante o aumento da presión de Israel
Casares tivo problemas para entrar a Israel e solidarízase con Miranda, á que non deixaron acceder
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares forma parte da Delegación do Parlamento Europeo para as Relacións con Palestina que viaxa esta semana ao territorio. Con esta misión búscase coñecer de primeira man cal é a realidade da comunidade palestina tras a crecente tensión dos últimos meses.
Co Proceso de Paz de Oriente Medio en punto morto desde hai anos, o regreso de Benjamín Netanyahu como primeiro ministro de Israel e as súas controvertidas medidas, a decisión da Autoridade Palestina de suspender a coordinación de seguridade con Israel, os enfrontamentos violentos e ataques terroristas volvéronse cada vez máis recorrentes. Así mesmo, recruáronse os asentamentos, demolicións e desaloxos por parte das autoridades israelís en Cisxordania, incluída Xerusalén Este.
Á súa chegada este luns a Israel, Casares tivo problemas para entrar a Israel, de feito, á eurodeputada do BNG, Ana Miranda, non lle permitiron ingresar. “Lamento que non puidese acceder, eu mesmo estiven retido con ela unha hora. Non se entende que se autorice a misión do Parlamento e logo non pasen deputados, total solidariedade con Ana”, engade o socialista. Na misión só participan eurodeputados do Grupo da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas (S&D), dos Verdes, de Renew Europe e da Esquerda.
González Casares, xunto aos outros europarlamentarios, visitará Xerusalén, Ramallah ou Gaza para reunirse con representantes políticos como Mohammad Shtayyeh, primeiro ministro de Palestina; Riyad al-Maliki, ministro de Asuntos Exteriores da Autoridade Palestina; ou Bassam al-Salhi, secretario xeral do Partido do Pobo Palestino e membro do Consello Lexislativo Palestino. O socialista percorrerá tamén os territorios ocupados do sur de Hebrón, en Cisxordania, e conversará con Ongs que operan na zona e expertos en dereito internacional.
Para a Unión Europea, a resolución do conflito árabe-israelí é de sumo interese. A UE apoia a solución de dous estados cun estado palestino independente, democrático, contiguo e viable que viva xunto a Israel, mantendo as fronteiras de 1967 cos respectivos cambios que fosen acordados.
A contribución da Unión Europea á UNRWA
De acordo coa Declaración Conxunta UE-UNRWA 2021-2024, a UE destinará á Axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) un total de 261 millóns de euros de forma plurianual.